O Alcalde convocou a unha reunión ós integrantes do comité de empresa de Renfe en Monforte.
Diante das informacións que alertan sobre as intencións da empresa de trasladar para Ourense a 20 traballadores que prestan os seus servizos en Monforte, Severino Rodríguez quere coñecer o parecer dos membros do comité de empresa e coordinar e consensuar con eles posibles actuacións encamiñadas a defender a permanencia deses 20 postos de traballo nos talleres monfortinos.
A reunión celebrarase mañá mércores na Casa do Concello ás 11:15 horas.
O Alcalde considera inaceptable o traslado destes traballadores e o conseguinte peche dos talleres ferroviarios de Monforte, máis aínda cando estas instalacións contan cunha considerable carga de traballo.
Severino Rodríguez interpreta os plans da empresa como un novo ataque á infraestrutura ferroviaria monfortina que, co paso dos anos, foi perdendo importancia e protagonismo dentro da rede ferroviaria galega.
O Alcalde lembra que Monforte naceu e medrou como cidade grazas ó ferrocarril e que, a pesares dos innumerables golpes que a infraestrutura ferroviaria soportou nas derradeiras décadas, os sectores sociais, económicos e políticos monfortinos, continúan depositando as esperanzas de futuro no transporte ferroviario de mercadorías representado polo porto seco de Monforte.