Ata o 7 de febreiro pódense solicitar axudas para obras en vivendas da zona ARI

A Oficina de Rehabilitación de Monforte volveu abrir as súas portas o día 31 de xaneiro, unha vez rematado o proceso para adxudicar a nova concesión.

 

Os/as técnicos/as atenden á cidadanía nas Casiñas da Compañía, en horario de 8:00 a 15:00 h., de luns a venres, e tamén nas tardes dos martes e mércores de 16:30 a 19:00 h.

 

Unha vez retomado este servizo, o Concello informa que dende o 28 de xaneiro e ata o día 7 de febreiro, está aberto o prazo para solicitar subvencións para a zona ARI. A cidadanía pode pasar pola Oficina de Rehabilitación para solicitar estas axudas, e tamén información e asesoramento respecto á rehabilitación de vivendas, tanto no ámbito da zona ARI (Área de Rehabilitación Integrada) coma no casco histórico.

 

Estas axudas, procendentes ó 50 % do Ministerio de Fomento e do Instituto galego de Vivenda e Solo, poderían chegar ata os 10.000 euros.

 

O importe mínimo das obras a acometer en cada intervención é de 1.000 euros.

 

As posibles subvencións destínanse a edificios, vivendas e elementos comúns como ascensores, cubertas, escaleiras, fachadas, medianeiras...

 

Dende o Concello anímase á veciñanza a pasar pola Oficina de Rehabilitación para informarse sobre estas subvencións, recibir asesoramento e, de ser o caso, para tramitar as peticións de axuda destinadas á rehabilitación das súas vivendas.