Asinados os convenios para atender a Teleasistencia Domiciliaria

O vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga, asinou esta mañá no concello de Monforte os convenios para a Teleasistencia Domiciliaria cos alcaldes de Chantada, Ribas do Sil, a Pobra do Brollón e Monforte.

 

No acto tamén estivo presente o alcalde de Paradela, quen recolleu a documentación para os alcaldes do Partido Popular, e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro.

 

Antonio Veiga lembrou como xurdira o establecemento deste convenio, a raíz de que o INSERSO se desentendese do anterior convenio polo que a Deputación achegaba o 35 % do custo do servizo e o organismo estatal o 65 %. O vicepresidente dixo que tódolos concellos da provincia, excepto Samos, se sumaran ó novo convenio que reparte o custo do servizo ó 50 % entre concellos e Deputación.

 

Antonio Veiga felicitou ós concellos polo seu compromiso, pero “non lle podo dar os parabéns a quen non tivo a sensibilidade necesaria cos usuarios e usuarias da teleasistencia domiciliaria”, sinalou. O vicepresidente lembrou que hai 1.577 persoas na provincia de Lugo que se benefician deste servizo das cales “máis do 70 % son maiores de 80 anos, na súa maioría mulleres viuvas”, remarcou.

 

O responsable da área de Benestar da Deputación de Lugo tamén indicou que tiñan solicitado a colaboración da Xunta de Galicia para que o goberno autonómico se fixese cargo dunha parte do custo do servizo pero que “a súa resposta foi o silencio”.

 

Antonio Veiga manifestou o compromiso da Deputación de Lugo coas persoas máis necesitadas, “nun momento de crise no que outras institucións retiran as súas axudas”.

 

A Teleasistencia Domiciliaria é, dende a súa posta en marcha no ano 1992, unha peza fundamental para o benestar das persoas maiores que viven soas, moitas delas en núcleos rurais e lonxe dos centros de saúde ou hospitais.

 

As persoas de idade avanzada que se atopan nesta situación teñen un salvavidas nos pequenos e sinxelos dispositivos que, no caso de accidentes ou percances na súa saúde, as poñen en contacto con especialistas en xerontoloxía que, de xeito inmediato, adoptan as medidas necesarias para protexer as súas vidas.