As persoas que asistiron á reunión convocada por Severino Rodríguez, todas representantes dos sectores económicos da cidade e dos traballadores do Parador, acordaron facer unha declaración na que se recolla “a enorme preocupación e indignación polas medidas que poida adoptar a compañía en prexuízo do Parador de San Vicente do Pino, de Monforte e da comarca”.
Por outra banda, acordouse que os representantes dos traballadores do Parador manteñan reunións con comerciantes e hostaleiros da cidade co obxecto de “sensibilizalos sobre a gravidade da situación”.
Finalmente, as persoas que participaron na reunión queren facer un chamamento á cidadanía para que asista ó pleno extraordinario que se celebrará o mércores día 26 de decembro ás 20:00 h., "demostrando así o seu malestar ante a situación pola que atravesa o Parador de Monforte”.
Á convocatoria realizada polo Alcalde asistiron integrantes da CEL, do CCU, de APEHL, dos adegueiros, e de LUGOSUR, así como os delegados sindicais do Parador de Monforte.
Severino Rodríguez explicoulles as actuacións que ten realizado en defensa do Parador de San Vicente do Pino e deulles a coñecer a proposta que levará o vindeiro día 26 ó pleno extraordinario sobre o Parador.
O contido da proposta da alcaldía, que contou co beneplácito das persoas que asistiron á reunión, é o seguinte:
“O Parador de Monforte é unha referencia indiscutible na promoción da Ribeira Sacra e peza fundamental no desenvolvemento dun espazo xeográfico que deposita no crecemento turístico moitas das súas esperanzas de progreso.
Considerando que calquera actuación que afecte negativamente ó Parador de San Vicente do Pino danaría gravemente as aspiracións dunha zona que está apostando, non sen esforzo, polo turismo en tódalas súas vertentes e modalidades.
Propoño ó Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:
1º.- Dirixirse ó Sr. Ministro de Industria demandando o mantemento dos 31 postos de traballo e a apertura de 11 meses ó ano como na actualidade.
2º.- Dirixirse ó presidente da Xunta de Galicia para realizar as xestións oportunas co fin de que no Parador de San Vicente do Pino se manteñan os 31 postos de traballo e se continúe a apertura 11 meses ó ano como na actualidade.”