A Ribeira Sacra queda á marxe dunha promoción turística da Xunta de Galicia

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., coñecida como TURGALICIA, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo que, á súa vez, está adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, ven de poñer en marcha unha campaña de promoción do turismo no país baixo o título “Vive Galicia”.

 

A promoción, que se desenvolve en colaboración coas axencias de viaxe galegas e a través dun microsite e Facebook, consiste en obsequiar ós gañadores/as con 1.878 premios repartidos entre 57 paquetes turísticos diferentes a desfrutar entre o 15 de xaneiro e o 22 de marzo do ano 2013.

 

Estes paquetes repártense entre os catorce xeodestinos existentes en Galicia, mellor dito, entre tódolos xeodestinos menos a RIBEIRA SACRA.

 

O custo total desta promoción ascende a 307.000 euros, sendo a súa distribución a seguinte: A Coruña 43 %; Pontevedra 38 %; Ourense 16,5 %; Lugo 2,6 %.

 

Diante da discriminación que representan estes datos, e do feito de que un ente oficial da Xunta de Galicia marxine desta maneira os catro xeodestinos da provincia de Lugo e ignore por completo á Ribeira Sacra, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, dirixirase ó presidente do Consorcio de Turismo para solicitar unha reunión urxente de tódolos integrantes da institución coa finalidade de analizar esta cuestión e adoptar as medidas que se estimen oportunas.

 

O Alcalde tamén anuncia a presentación dunha moción para que o Pleno da Corporación se pronuncie ó respecto.