O goberno municipal pregúntase se a voceira do PP defende os intereses de Monforte ou os de Paradores

Diante da negativa do Partido Popular de Monforte a asinar as cartas dirixidas ó ministro de Industria, Energía y Turismo e ó presidente da Xunta de Galicia, solicitando que o Parador de San Vicente do Pino non se vexa afectado polas medidas anunciadas pola dirección de Paradores, o grupo de goberno do BNG quere facer público o contido das citadas misivas.

 

Como se pode apreciar nas dúas cartas que se achegan e que, con anterioridade foron remitidas ós populares de Monforte, non hai nas mesmas ningún tipo de valoración política, senón a constatación dunha realidade e a solicitude de que o Parador de Monforte manteña o mesmo cadro de persoal e as mesmas datas de apertura que na actualidade.

 

O envío destas cartas fora acordado, inicialmente, por BNG, PSdeG e PPdeG na Xunta de Portavoces reunida o mércores día 12 na Casa do Concello. Finalmente, o PP de Monforte decidiu descolgarse do acordo e non avalar coa súa sinatura esta petición acordada en Xunta de Portavoces.

Diante desta actuación, o grupo de goberno do BNG  ten que que facerse unha pregunta:

¿A Sra. Julia Rodríguez Barreira apoia o mantemento dos 31 postos de traballo do Parador de Monforte e a apertura do establecemento durante once meses ó ano ou, pola contra, exerce como voceira dos intereses da compañía fronte ás lexítimas aspiracións da cidade e da comarca?

 

Dada a absoluta ambigüidade do posicionamento da voceira do PP diante dos malos augurios que ameazan ó Parador de Monforte, o goberno municipal do BNG pregúntase cal é a proposta que defende a Sra. Julia Rodríguez para o Parador.

 

O BNG e o PSOE asinaron as cartas que reclaman o mantemento do Parador tal e como funciona a día de hoxe.

 

Por outra banda, o Alcalde anuncia que convocará un pleno extraordinario coa finalidade de que tódolos grupos políticos da Corporación Municipal aproben unha resolución na que se manifeste o claro e absoluto rexeitamento a calquera decisión que poña en perigo a apertura do Parador durante once meses ó ano e o mantemento dos 31 postos de traballo.

Archivos Adjuntos: