O PXOM someterase a aprobación inicial o venres 21 de decembro

O Alcalde anunciou oficialmente a celebración dun pleno extraordinario, o venres día 21 de decembro ás 18:00 h., para levar a cabo a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

 

Severino Rodríguez dixo que o documento tiña catro partes fundamentais que se referían á estrutura xeral orgánica do territorio, á ordenación urbanística xeral e dos núcleos rurais en particular, e á normativa.

 

O rexedor monfortino destacou a importancia deste documento para a ordenación da cidade durante os vindeiros dezaseis ou vinte anos, “motivo polo que sempre considerei fundamental que fose un documento de consenso entre tódalas forzas políticas”, sinalou. Severino Rodríguez dixo que se tiñan celebrado varias reunións entre os voceiros dos grupos, o equipo redactor e el mesmo, unha vez que a Xunta de Galicia xa tiña valorado positivamente o avance do PXOM que se lle remitira. A finalidade destas reunións era lograr o consenso, destacando a “extraordinaria colaboración de tódolos voceiros, ós que agradezo a súa disposición e actitude”, remarcou.

 

O documento que se levará a pleno o vindeiro día 21 recolle as propostas do equipo redactor e as de carácter xenérico que realizaron os voceiros dos grupos políticos municipais. Unha vez aprobado pola Corporación e publicado no Diario Oficial de Galicia, abrirase un período de exposición pública de dous meses de duración no que a cidadanía poderá facer as alegacións que estime oportunas. As alegacións serán estudadas polo equipo redactor, que informará sobre as mesmas e incluirá no Plan as que considere pertinentes. Ese documento, no que xa figurarán as alegacións estimadas, volverase remitir á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

 

Severino Rodríguez animou á cidadanía en xeral e a todo tipo de colectivos en particular, a informarse sobre o Plan Xeral unha vez que se abra o período de exposición pública, anunciando que dende o goberno municipal tamén se realizarán reunións para explicar o PXOM e informar sobre o mesmo a diferentes colectivos da cidade.

 

O Alcalde falou dalgúns datos sobre o Concello que están recollidos no PXOM, por exemplo, que en Monforte reside o 49,15 % da poboación da comarca, que é o único Concello que medra en poboación, que concentra o máximo crecemento de vivendas, ou que son 23.650 os vehículos que circulan diariamente polos accesos á cidade.

 

Severino Rodríguez tamén falou dos obxectivos que procura o Plan Xeral e, entre outros, destacou os seguintes: ampliar a base económica da cidade para crear emprego; definir e garantir o carácter de Monforte como nodo loxístico e de comunicacións; profundizar nas políticas de recuperación do patrimonio histórico e de rehabilitación; dar solución a espazos de actividade empresarial en difícil situación; ordenar eficientemente os núcleos rurais; ou xerar emprego e actividade industrial para permitir o incremento de poboación.

 

O Alcalde agarda que o documento inicial do PXOM de Monforte poida estar a exposición pública antes de que remate o mes de xaneiro do vindeiro ano.

 

 

Archivos Adjuntos: