O alcalde de Monforte reuniuse no día de onte coa deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, para analizar que medidas se poden adoptar ante o posible peche do Parador de San Vicente do Pino durante cinco meses ó ano.
Esta entrevista iniciou unha rolda de conversas que terán continuidade coas que manterá cos cabezas de lista do PSOE e do PP pola provincia de Lugo: mañá venres día 7 con José Blanco na sede dos socialistas en Lugo e, con case toda probabilidade, con Joaquín García Díez o luns día 10 de decembro.
Severino Rodríguez e Rosana Pérez mantiveron a entrevista no Parador de Monforte, significando así a decidida defensa do establecemento hoteleiro da cidade por parte do rexedor e das deputadas nacionalistas no Congreso.
Na súa comparecencia ante os medios, ambos manifestaron que lle transmitiran a súa solidariedade ós traballadores e traballadoras, poñéndose á súa disposición para o que considerasen oportuno.
A deputada nacionalista manifestou a súa preocupación pola situación na que vai quedar o Parador de Monforte e os paradores galegos, algo que atribuíu “a que os responsables non deron os pasos axeitados para avanzar na súa promoción, evitando chegar a esta situación”.
Rosana Pérez anunciou que xa solicitara a comparecencia urxente da presidenta de Paradores de España para que acudise á Cámara a dar explicacións do “duro e salvaxe Plan de peche dos paradores galegos de Ferrol e Verín, o anuncio de peches parciais doutros paradores e a eliminación de centos de postos de traballo”.
A deputada do BNG considera que a responsable da rede de Paradores do Estado debe “explicar na Cámara o plan de peche de establecementos en todo o Estado, e en concreto en Galicia, e a supresión de 644 empregos en toda a rede hoteleira”.
Rosana Pérez quere que a presidenta de Paradores diga se “nos dous últimos anos aprobou medidas e plans para atraer demanda e impulsar a ocupación dos paradores. Debe aclarar se se levou a cabo algún programa destinado a aumentar a ocupación nestes establecementos porque antes de pechar paradores e mandar a máis persoas ó paro débense adoptar outras medidas”.
A representante do BNG no Congreso quere que se explique se estas medidas son o comezo dunha privatización de Paradores, manifestando que “se os datos económicos non son favorables ó ceno por cen iso non implica pechar paradores, porque en pouco tempo tamén teríamos que pechar o país”.
Severino Rodríguez dixo que o de Monforte é un dos paradores que presenta mellores datos económicos, e que “pechar durante cinco meses supón iniciar o peche definitivo deste Parador”.
O Alcalde lembrou en ton irónico que cando gobernaban na Xunta PSOE e BNG, “o responsable de turismo dese goberno tan criticado e que tan pouco fixo, logrou que o Parador de Monforte só pechase durante un mes ó ano, en vez dos catro meses de peche que tiña inicialmente”. Severino Rodríguez considera que a Xunta de Galicia tamén ten a súa cota de responsabilidade nesta decisión do goberno central e que “se non a asumen e se implican na defensa dos paradores galegos é que se desentenden dos problemas”.
O rexedor fixo un chamamento á sociedade monfortina contra unha medida que vai e detrimento da cidade e da comarca, xa que o Parador é unha infraestrutura vital para o comercio, a hostalería e a promoción turística. “A escusa dos recortes non pode ser válida para unha cidade que quedou á marxe das grandes infraestruturas nas épocas de bonanza económica, comentou o Alcalde”.
Severino Rodríguez tamén respondeu á voceira do PP, Julia Rodríguez, quen afirmou que non había nada decidido e que se estaba creando alarma respecto do futuro do Parador. O Alcalde dixo que “a alarma é oficial e chegou a través dunha carta da presidenta de Paradores na que se anuncia a supresión de 644 postos de traballo e se pide comprensión”.
O Alcalde manifestou que el non sería comprensivo con esta medida e que “decisións deste tipo non se poden tomar sen antes manter conversas cos traballadores e os representantes dos concellos afectados e sen realizar unha análise da problemática para buscar outro tipo de solucións”.
Severino Rodríguez anunciou a presentación no próximo pleno dunha moción en defensa do Parador de Monforte na que se reclama a implicación da Xunta de Galicia e a suspensión deste plan de medidas por parte do goberno do Estado.
O Alcalde dixo que continuará defendendo a cidade e as súas infraestruturas “por moito que lle moleste ó Partido Popular”.