Quince comercios de Monforte participarán nos tres Mercados do Nadal

A  concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, presentou os Mercados do Nadal que se van celebrar na Praza de Abastos nos meses de decembro e xaneiro.

 

Vega Buján lembrou o éxito que tiveron as anteriores edicións dos Mercados entre a cidadanía e falou da forte aposta que fixo o goberno local por recuperar a Praza de Abastos como un centro peculiar.

 

A concelleira recordou a filosofía do proxecto de reforma exterior e interior deste edificio e os obxectivos do mesmo. Comentou que a gran afluencia de xente ós Mercados é un beneficio para os praceiros e para todo o comercio do casco histórico.

 

A responsable de Promoción Económica destacou o interese crecente do comercio monfortino por participar nos Mercados e que, xunto con eles e con motivo do Nadal, apostaran por esta temática organizando tres Mercados como reclamo para dinamizar a actividade comercial no casco histórico da cidade.

 

Mª Xosé Vega salientou a presenza de produtores da comarca, da zona sur de Lugo e de localidades da provincia de Ourense nestes Mercados, comentando que “teñen cada vez máis difusión e aumenta o interese de comerciantes, tanto locais como foráneos, por participar neles”.

 

A concelleira dixo que a primeira opción para participar nos Mercados sempre son os comercios de Monforte, e que se invita a moitos máis dos que finalmente asisten. Tamén comentou que moita xente de fóra ofrécese a participar nos Mercados e pregunta se pode asistir.

 

Finalmente, Mª Xosé Vega falou da modificación dos horarios habituais para estes Mercados do Nadal, xa que tamén abrirán os domingos pola tarde e ampliarán o seu horario matinal e vespertino. A concelleira dixo que estes Mercados serán os primeiros que se celebren con todo o edificio funcionando no seu conxunto, xa que o luns abre as súas portas o Espazo Gastronómico, algo que considerou “xerará máis afluencia de público”.

 

Os Mercados do Nadal desenvolveranse nas seguintes datas e con diferentes temáticas:

DECORACIÓN: 7, 8 E 9 DE DECEMBRO

Participarán 9 establecementos, dos cales 5 son de Monforte, e os demais de Chantada e Ourense.

GASTRONOMÍA: 21, 22, 23 E 24 DE DECEMBRO

Está confirmada a participación de 9 establecementos, aínda que poderían ser 11. Tres son de Monforte e os outros seis son de Sober, Pantón, Ourense, Antas de Ulla e Folgoso do Courel.

REGALO: 28, 29 E 30 DE DECEMBRO E 2, 3, 4 E 5 DE XANEIRO

A idea inicial non contemplaba as datas de decembro e centrábase en xaneiro, nos días próximos a Reis, pero por petición dos propios comerciantes ampliáronse as datas a fins de decembro.

Está confirmada a participación de 10 comerciantes, aínda que poderían ser 11. Sete farano durante as dúas semanas, dous só o farán na semana de decembro, e un só na semana de xaneiro.

Sete dos dez comerciantes son de Monforte, os demais son de Courel, Allariz e Láncara.

Archivos Adjuntos: