Severino Rodríguez ofreceu unha rolda de prensa para responder ás “falsidades” que se recollen na moción do PP referida ó “sobrecusto da contratación con empresas externas de determinadas xestións e organización de eventos”.
O Alcalde comezou sinalando que “non é habitual que respondamos en rolda de prensa ás mocións que presentan os grupos da oposición, pero nesta ocasión cremos que o volume das falsidades nas que se substenta o argumentario da moción do PP son de tal calado que nos vemos na obriga de facelo”.
O rexedor monfortino lamentou que responsables políticos que aspiran a gobernar “poñan en perigo, coa súa actitude, proxectos que están funcionando”, en referencia á celebración dos Mercados na Praza de Abastos.
Severino Rodríguez dixo que o PP acusa constantemente ó goberno municipal de efectuar gastos supérfluos pero, comentou, “o PP predica pero non dá trigo: as súas administracións gastan millonadas en asistencias técnicas e externalización de servizos, empezando pola Xunta de Galicia que gastou 10 millóns de euros en dous anos en asesorías externas e consultores, segundo publican os xornais”.
O Alcalde lembrou que os populares se opuxeran hai dous meses á creación dunha praza de promoción económica no concello de Monforte, sinalando que sería este departamento o encargado, entre outras cousas, de organizar os Mercados na Praza de Abastos. Severino Rodríguez tamen lembrou que a principios de ano “Rajoy impuxo restricións ós concellos, tanto no gasto como na imposibilidade de contratar persoal, o que nos leva a reducir a prestación de servizos”, preguntándose “¿Qué alternativa lle queda ó Concello para manter os servizos se non pode contratar?”, e respondendo, “ou pechalos ou contratalos a través de empresas solventes”.
Severino Rodríguez foi contundente nas súas manifestacións “o PP minte e o que é peor, minte a sabendas. A mentira é a única estratexia política do Partido Popular en Monforte. Non hai nin vocación de servizo, nin vontade por contribuír a mellorar as cousas. Minten porque cren que danando a imaxe do goberno municipal melloran as súas expectativas electorais. A realidade é que non melloran nin as súas expectativas electorais, nin as condicións de vida dos monfortinos. O PP non achega solucións, dedícase a crear falsas alarmas e a difundir bulos e mentiras sen fundamento ningún”.
Referíndose ás facturas da empresa Rural Consulting sobre o Centro do Viño e sobre a organización dos Mercados, obxecto das críticas dos populares na súa moción, o Alcalde afirmou “o PP falsea datos obxectivos coa única intención de danar e desprestixiar ó goberno municipal de Monforte”, para continuar manifestando que “a moción do PP basea a súa información en facturas que son públicas, con datos obxectivos e cifras reais, que eles manipulan ó seu antollo”.
Severino Rodríguez entregou ós medios de comunicación as facturas das que falan os populares na súa moción, comentando que no caso do Centro do Viño “a factura de 5.800 € pola xestión durante o mes de xuño inclúe a contratación de dous traballadores, feito que o PP obvia, porque a nova Lei de Rajoy non lle permite ós concellos contratar persoal”. O Alcalde dixo que “de non facelo así teríamos que pechar o Centro durante o mes de xuño, e todos lembramos as queixas do PP porque a tapería estivo pechada dez días cando cambiou de concesionario”.
Rodríguez insistiu en que o Centro do Viño é un punto fundamental para a promoción turística de Monforte e da Ribeira Sacra, incidindo en que “o PP só o pón en cuestión lanzando informacións falsas sobre o mesmo”.
En canto á factura sobre o Mercado, que ascende a 2.942 €, o Alcalde sinalou que corresponde ós dous primeiros mercados e non a un como din os populares, e que na mesma “especifícanse os conceptos do gasto, tales como o deseño da campaña de difusión ou a creación da imaxe de cada posto”, engadindo que a posta en marcha do primeiro Mercado, debido ás necesidades de intendencia, comporta un maior custo que a celebración dos restantes.
Para Severino Rodríguez os populares sempre fixeron campaña contra a Praza de Abastos, campaña coa que prexudican “ós praceiros e ó comercio local” porque “¿quen vai ir comprar a un sitio do que se fala mal permanentemente?”, engadiu.
O rexedor monfortino destacou o excepcional comportamento dos catro Mercados celebrados ata o de agora, “visitados por 12.700 persoas e nos que participaron 44 vendedores, moitos deles de Monforte, que fixeron pública a súa satisfacción polas instalacións, polas vendas, pola animación existente, polo trato recibido, pola organización”, lamentando que unha actividade que funciona mellor do que se agardaba “sexa obxecto das mentiras do PP”.
Finalmente, Severino Rodríguez dixo que “o PP minte, distorsiona a realidade, e atravesa continuamente a liña vermella da boa praxis política” e, en referencia á voceira popular, manifestou que “non podo entender como unha persoa que aspira a gobernar minta constantemente para tumbar un proxecto que está funcionando”. O Alcalde tamén falou da confusión de Julia Rodríguez entre as actividades culturais e as de promoción económica, “xa que solicita que sexa a concelleira de cultura a que se encargue de organizar os Mercados”, e cualificou á voceira popular de “prodixio da incoherencia política cando critica as taxas municipais e vota no Senado a favor das abusivas taxas xudiciais”.
Severino Rodríguez anunciou que, antes da celebración do pleno do vindeiro luns, falará doutras falsidades que se recollen na moción do PP.
No documento adxunto poden escoitar a comparecencia do Alcalde ante os medios de comunicación.