O alcalde de Monforte solicita coñecer e colaborar no proxecto da Xunta para o edificio Expolemos

Severino Rodríguez remitiu unha carta ó director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Antonio Crespo Iglesias, solicitando coñecer o proxecto que prepara a Xunta de Galicia para o edificio Expolemos e ofrecendo a súa colaboración na elaboración do mesmo.

 

Esta medida xa fora anunciada pola voceira do goberno municipal na sesión plenaria celebrada o pasado día 29 de outubro, no transcurso do debate dunha moción presentada polo BNG ó respecto da situación deste edificio.

 

A proposta do goberno municipal, aprobada por tódolos grupos políticos que conforman a Corporación, lembraba que a Xunta de Galicia é a propietaria do edificio Expolemos, antiga sede da extinta Fundación Comarcal “Terra de Lemos”, e aludía á ausencia das mínimas e básicas condicións do inmoble en canto a que non dispuña de subministro eléctrico, teléfono, ou servizo de limpeza das instalacións.

 

A moción tamén se refería ás precarias condicións nas que prestan o seu servizo as dúas traballadoras, pagadas pola Xunta de Galicia, que desenvolven o seu labor no citado edificio.

 

A proposta recollía o ofrecemento do Concello para colaborar coa Xunta no ánimo de atopar unha solución que mellore a actual situación do edificio.

 

A Corporación acordou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a tomar unha decisión respecto ó edificio Expolemos, decisión encamiñada a solucionar os problemas dos servizos básicose a situación das traballadoras.

 

Severino Rodríguez trasládalle ó director xeral de AGADER a súa preocupación “pola situación na que se atopa o edificio da antiga sede da Fundación Comarcal Terras de Lemos, preocupación compartida por tódolos grupos políticos da Corporación Municipal que, na derradeira sesión plenaria, aprobaron por unanimidade unha moción do BNG neste sentido”.

 

O Alcalde comunícalle ó máximo responsable de AGADER que, na sesión plenaria onde se debatiu a proposta, a voceira municipal do PP informou que a Xunta de Galicia traballaba nun proxecto para volver dotar de contido as instalación de Expolemos, motivo polo que “como Alcalde da cidade onde se atopa o citado edificio, gustaríame coñecer cales son as liñas básicas dese proxecto e, ó mesmo tempo, colaborar, na medida das miñas posibilidades, na elaboración do mesmo”.

 

Na súa misiva, Severino Rodríguez tamén lle solicita que “as dúas persoas que prestan os seus servizos no edificio Expolemos permanezan en Monforte para realizar labores de promoción turística, desenvolvemento local e promoción económica no medio rural”.

 

O Alcalde remata a súa carta ofrecendo “a miña colaboración e a do goberno municipal coa finalidade de lograr que os novos usos que se lle poidan dar a este edificio sexan os máis proveitosos para Monforte e para toda a comarca”.

 

 

           

           

Archivos Adjuntos: