O Concello subvencionará con 19.000 euros libros, material e transporte escolar

A concelleira de Facenda deu a coñecer diferentes liñas de axudas postas en marcha polo Concello e que, na súa maior parte, xa teñen aberto o prazo de solicitude. Dúas destas liñas afectan ó eido educativo, as referidas ás becas para material escolar e para transporte.

 

O concello de Monforte volverá contar este ano con axudas para o transporte daqueles estudantes que cursen estudos fóra da cidade. A cantidade destinada a este fin será de 9.000 €, ó igual que no ano 2011, pero os requisitos para a súa concesión rexistrarán modificacións.

 

Ata o de agora non se tiña en conta o nivel de renda dos solicitantes, pero neste curso ponse un tope máximo de 9.000 € anuais por membro da unidade familiar para poder acceder a estas becas. Tampouco se concederán máis de 600 € nin menos de 200 € por familia.

 

En anteriores convocatorias as becas de transporte so afectaban a estudantes universitarios, mentres que agora tamén beneficiarán a estudantes que teñan que viaxar fóra da nosa cidade para cursar algún bacharelato ou ciclo de formación profesional que non se poida estudar en Monforte.

 

Outra novidade que recollen este ano as becas de transporte refírese ó medio de locomoción. En cursos anteriores so afectaban ó transporte en autobús, mentres que agora tamén se abren ó ferrocarril.

 

Por ultimo, Mª Xosé Vega anunciou que o 50 % da subvención concedida farase efectiva no primeiro cuadrimestre e o 50 % restante no segundo cuadrimestre, adiantando o Concello un diñeiro que os estudantes deberán logo xustificar.

 

A concelleira de Facenda dixo que estas becas están e proceso de tramitación e que a finais da primeira semana de novembro xa poderán solicitarse na Oficina de Xuventude, situada nas Casiñas da Compañía.

 

Mª Xosé Vega indicou qué, dada a situación de crise económica, resultaba necesario primar as rendas máis baixas á hora de conceder estas axudas.

 

Por outra banda, a concelleira anunciou que xa se publicaron as bases que rexerán a convocatoria de concesión de axudas para libros de texto e material escolar complementario do alumnado empadroado e escolarizado en Monforte de Lemos nos seguintes cursos:

 

  • Infantil (3, 4 e 5 anos).
  • Educación Primaria.
  • Educación Secundaria Obrigatoria.

 

As axudas irán destinadas ás familias con menor renda per cápita do municipio e serán compatibles con calquera outra que perciban polo mesmo concepto. 

 

Poderán solicitar as subvencións reguladas na presente convocatoria o pai, nai, titor ou persoa encargada da garda e custodia de alumnos e alumnas. Os requisitos básicos que deberán cumprir son os seguintes:

 

1º        Que a renda per cápita da unidade familiar non exceda a metade da cantidade establecida polo IPREM para o ano 2012 (266,26 €/mes) en cómputo anual. 

2º        Estar empadroados no Concello de Monforte de Lemos a persoa solicitante así como o menor beneficiario da mesma.

3º        Estar matriculados/as en calquera centro público ou concertado do termo municipal de Monforte de Lemos

               4º         Estar ó día no pago das obrigas tributarias municipais.

5º        Non ter pendente de xustificar ningunha subvención concedida polo concello de Monforte. 

 

As axudas que se regulan nestas bases terán carácter único e non acumulativo, de tal maneira que só poderá concederse unha axuda no mesmo ano para o mesmo concepto.

 

O importe de cada unha das axudas será de:

 

  • 100 € para Educación Infantil por cada alumno.
  • 120 € para Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria por cada alumno.

 

Para o financiamento destas subvencións destínase un crédito máximo de 10.000 euros.

 

Estas axudas poderán solicitarse ata o día 13 de novembro.