Monforte conta con sete Axentes de Protección á Cidadanía

O Alcalde, Severino Rodríguez, e a concelleira de Réxime Interno e Seguridade, Mª Xosé Vega, presentaron o  novo “Servizo de Protección á Cidadanía”, integrado polos sete traballadores do extinto parque municipal de bombeiros.

 

Estes traballadores xa realizan funcións no Concello dende primeiros do mes de outubro, unha vez que se disolveu o corpo municipal de bombeiros ó entrar Monforte no consorcio provincial.

 

Segundo comentaron Severino Rodríguez e Mª Xosé Vega, tanto os traballadores como o goberno local avogaban porque os bombeiros municipais se incorporasen ó consorcio, algo que resultou imposible ó optar a Xunta de Galicia pola privatización do parque comarcal.

 

As novas ocupacións deste sete empregados municipais abarcan un amplo campo, dende a vixiancia do estado de conservación do mobilario urbano ata a supervisión do cumprimento das licenzas de ocupación do espazo público, pasando pola colaboración en operativos de protección civil en festas e actos multitudinarios ou a realización de notificacións de carácter municipal.

 

Segundo explicou o Alcalde, actualmente están participando na campaña de empadroamento, visitando centros públicos para informar e revisar posibles erros nos datos do padrón.

 

O acordo para reubicar ós bombeiros municipais pechouse en xaneiro do ano 2011 e, durante as negociacións “os traballadores sempre amosaron afán de colaboración co Concello e disposición para servir á cidade”, segundo manifestou Mª Xosé Vega.

 

As funcións dos Axentes de Protección á Cidadanía, descritas no acordo subscrito polo Concello e os sindicatos, son as que a continuación se transcriben:

 

1.   Colaborar en todo tipo de actos  programados polo Concello nos que se considere necesaria a súa presencia para garantir a organización, desenvolvemento e prevención e seguridade dos mesmos.

2.   Desenvolver ou colaborar en labores de protección civil.

3.   Vixianza de ocupación da vía pública.

4.   Supervisión das licenzas e autorizacións municipais.

5.   Detección de calquera tipo de continxencias que poidan supor unha posta en perigo da seguridade dos cidadáns.

6.   Colaboración no cumprimento das ordenanzas municipais por parte da cidadanía.

7.   Realizar as notificacións municipais que lle sexan encomendadas.

8.   En xeral aquelas funcións que non estean reservadas á Policía Local.