Unha conferencia de Edgar Fernández Cloos pecha os actos de apertura do curso na UNED de Monforte

Os actos de apertura do curso na UNED de Monforte tiveron o seu colofón coa conferencia inaugural do maxistrado monfortino Edgar Fernández Cloos, presidente da sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, quen disertou sobre a Lei de Axuizamento Criminal baixo o título “Cara a unha nova xustiza penal”.

 

O director da UNED en Lugo foi o primeiro en tomar a palabra neste acto público que se desenvolveu a partir das oito do serán no auditorio da Casa da Culutra. José Luis Prieto Arroyo explicou en que consistiron os encontros que mantivera con empresarios/as e profesionais do mundo da educación, encontros que valorou de xeito moi positivo ó propiciaren un maior coñecemeto mutuo entre a UNED e estes dous sectores locais.

 

Prieto Arroyo felicitou ó Concello pola iniciativa de organizar os actos de apertura do curso e polo esforzo que realizou e realiza para que Monforte teña universidade. O director destacou as facilidades formativas que a UNED lle ofrece ó alumnado e dixo que na actualidade conta con “200.000 alumnos/as estudando carreiras e 40.000 realizando cursos de formación continua”.

 

Edgar Fernández Cloos atribuíuse dous méritos, un menor, ser maxistrado, e outro maior, ser monfortino no seu concepto máis amplo, motivo este último que o levou a aceptar a invitación do Alcalde.

 

Na súa intervención falou de que a Lei que regula o proceso penal en España é do ano 1882, ten máis de 130 anos e, polo tanto “non serve para nada a pesares dos numerosos parches que lle puxeron”, sentenciou.

 

Férnandez Cloos, na súa proposta, tomou parte en favor da figura dun xuíz exclusivamente garantista “que só xulgue feitos investigados previamente polo ministerio fiscal”, comentou. Tamén se inclinou porque o ministerio fiscal non teña ningún tipo de vinculación política e porque a policía xudicial estea suxeita ás súas directrices.

 

Segundo o su parecer, os xuíces deben quedar á marxe da investigación policial e os detidos deben ter dereito a entrevistarse co seu avogado antes que coa policía. Tamén avogou por unha regulación estrita dos procedementos de cacheo, da intervención de ordenadores, da prisión preventiva, do respecto á intimidade, e das escoitas telefónicas. O maxistrado tamén  manifestou o seu covencemento de que deben poñerse límites ó falso testimonio do acusado, e mudar o formato dos xuízos orais e a orde de intervención nos mesmos.

 

Resumindo a súa interesante conferencia inaugural, Fernández Cloos sentenciou que “urxe un procedemento garantista, rápido e claro”, rematando a súa intervención coa seguinte cita “practiquemos a xustiza e evitemos chegar ós tribunais”.

 

O Alcalde de Monforte foi quen pechou a rolda de intervencións no acto celebrado na Casa da Cultura. Severino Rodríguez manifestou que “os actos que celebramos reafírmanme no meu convencemento de que a UNED debe estar en Monforte e de que nunca deberemos permitir que a universidade abandone a nosa cidade”.

 

O rexedor monfortino comprometeuse a facer un esforzo para achegar a universidade á cidadanía e, de maneira especial ás empresas e ós centros educativos. Severino Rodríguez dixo que a UNED, ó igual que a educación en tódalas súas manifestacións,  “é unha prioridade para o meu goberno e imos mantela aínda que para elo só contemos coa axuda dos impostos que paga a cidadania de Monforte”. O Alcalde rematou a súa intervención referíndose á oferta formativa da UNED, e dixo “contra a crise 27 carreiras”.

 

Os actos de apertura do curso na universidade de Monforte remataron cunha moi aplaudida actuación da Coral Polifónica Municipal.