Xornada de portas abertas na UNED de Monforte para celebrar o inicio do curso

O Concello e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) programaron para o mércores día 17 de outubro unha serie de actividades conmemorativas do inicio do curso 2012/2013.

 

Tanto a institución municipal como a educativa pretenden darlle unha maior difusión ás oportunidades formativas que ofrece a UNED á cidadanía de Monforte e da comarca.

 

A UNED, que ten as súas instalacións na Casa da Cultura de Monforte dende mediados de marzo do ano 2011, atende a formación universitaria de máis de cen persoas da comarca de Lemos, brindándolles a oportunidade de ir á universidade sen saír de Monforte.

 

O traslado da UNED á Casa da Cultura realizouse coa finalidade de prestar un mellor servizo e achegar máis a universidade á cidadanía e a tódolos colectivos sociais e culturais, ó tempo que se reducían custos no mantemento dos servizos.

 

A UNED dispón hoxe en día dunhas instalacións máis amplas e máis céntricas, nas que se completa o ciclo formativo en Monforte, cidade na que se imparte educación infantil, primaria, secundaria e universitaria.

 

As actividades do día 17 de outubro son unha boa oportunidade para coñecer a universidade de Monforte e a súa ampla oferta educativa, para achegarnos ás súas instalacións e valorar o que supón contar con formación univeristaria sen saír de Monforte. 

 

PROGRAMA DE ACTOS APERTURA CURSO DA UNED MONFORTE 

DÍA 17 DE OUTUBRO

 

XORNADA DE MAÑÁ

 

Entre as 10:00 e as 14:00 h. Xornada de Portas Abertas para toda a cidadanía.

 

Persoal da UNED ofrecerá información sobre a Universidade e ensinará as instalacións. 

 

XORNADA DE TARDE

 

16:30 H.:Visita ás instalacións por parte de empresarios locais e celebración dunha vídeo conferencia co director do INTECCA e doutor en economía D. Jorge Vega Núñez, quen falará sobre  “Aportacións da tecnoloxía ó desenvolvemento empresarial”

 

18:00 H.:Visita ás instalacións por parte de directores e orientadores dos institutos e colexios de Monforte. Charla co director da UNED en Lugo, D. José Luis Prieto Arroyo sobre a oferta educativa vixente en Monforte. 

 

20:00 H.:Acto público de apertura do curso académico no salón da Casa da Cultura no que intervirán:

 

  •  D. José Luis Prieto Arroyo, director da UNED en Lugo

 

  • D. Edgar Fernández Cloos,presidente da sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, que impartirá a conferencia inaugural baixo o título “Cara a unha nova xustiza penal”

 

  • D. Severino Rodríguez Díaz,alcalde de Monforte 

 

Pechará o acto unha breve actuación da Coral Polifónica do Concello de Monforte.