A Comisión Executiva do Eixo Atlántico, integrada por doce rexedores galegos e portugueses, reuniuse este venres no Parador de Monforte de Lemos para, entre outros asuntos, actualizar o Mapa de Infraestruturasde Galicia e o Norte de Portugal.
Este foi o asunto central da Comisión, na que se presentou o traballo realizado por un grupo de expertos sobre a actualización do Mapa de Infraestruturas do Eixo Atlántico, documento no que se refrenda o papel de Monforte como nó e plataforma loxística de mercadorías.
A Comisión Executiva aprobou definitivamente o documento que recolle a proposta das infraestruturas viarias, portuarias e ferroviarias do ámbito do Eixo Atlántico, documento que deberá someterse ás alegacións particulares de cada concello e á ratificación da Asemblea Xeral.
Severino Rodríguez dixo que era a primeira vez que a Executiva se reunía na nosa cidade, feito que interpretou como “apoio a Monforte como cidade do transporte de mercadorías, afianzando o papel da nosa cidade no Mapa de Infraestruturas”.
O alcalde subliñou que tanto os sectores sociais como os grupos políticos locais estaban de acordo en que o futuro pasaba por recuperar o protagonismo do ferrocarril na nosa cidade.
O rexedor comentou que o camiño andado podería terse feito en solitario ou en grupo, lembrando que el apostou por facer este traballo de xeito conxunto, dentro do Eixo Atlántico, “un camño lento pero seguro”, afirmou.
Severino Rodríguez lembrou o compromiso dos gobernos español e portugués e da Unión Europea, situando a Monforte como nó loxístico de mercadorías do noroeste peninsular e porta de entrada e saída do transporte ferroviario coa Meseta.
O secretario xeral do Eixo Atlántico anunciou que o Ministerio de Fomento de España confirmara hoxe, de xeito oficial, que o problema das peaxes nas auto estradas galegas e portuguesas quedaba resolto. Xoan V. Mao dixo que o Eixo sería o primeiro territorio da UE onde se aplicaría a interoperabilidade nos sistemas de pago das auto estradas, converténdose na primeira zona franca de peaxes. Segundo comentou, esta decisión farase extensiva a toda a fronteira hispano portuguesa no vindeiro mes de novembro.
En canto ó ferrocarril, Vazquez Mao dixo que a liña Porto Vigo xa estaba sobre a mesa da UE para ser considerada como prioritaria nas inversións do ano 2014. Tamén dixo que o vindeiro ano xa se realizarán estudos informativos e traballos de modernización da liña actual.
No que respecta ás mercadorias, o secretario xeral falou da boa disposición dos gobernos ibéricos e da UE respecto do mapa presentado polo Eixo Atlántico, comentando que “todo tende a que Monforte sexa a capital ferroviaria das mercadorías da eurorrexión”.
Xoan V. Mao cualificou como correcta “a estratexia seguida polo alcalde de Monforte, dende o primeiro momento, nesta cuestión”, ó tempo que anunciaba que a finais do mes de decembro os gobernos español e portugués deberán aprobar definitivamente o Mapa de Infraestruturas.
O presidente do Eixo Atlántico destacou a importancia da mobilidade na eurorrexión e o traballo de Severino Rodríguez para colocar a Monforte nunha posición preferente, comentando que “Monforte desempeñará un gran papel”.
José María Costa referiuse á difícil situación económica e ó papel que xoga o Eixo Atlántico no desenvolvemento de Galicia e o Norte de Portugal, comentando que o Mapa de Infraestruturas será un éxito porque “favorecerá a creación de emprego”.
O presidente tamén falou da estratexia marítima do Eixo, da que dixo que “se beneficiarían os concellos do interior”
Finalmente, o secretario xeral dixo que os portos galegos conectarán, a través de Monforte, coa liña de mercadorías Aveiro-Salamanca-Valladolid.
A reunión que o día 23 de novembro celebrará en Chipre o Consello Xeral da UE será o lugar onde a Comisión Europea deberá aprobar a proposta do Eixo Atlántico, convertendo así a Monforte en nó loxístico de mercadorías.