Na súa primeira xornada en Bruxelas, o alcalde de Monforte, como vicepresidente do Eixo Atlántico, mantivo unha reunión con representantes da Comisión Europea e cun grupo de expertos dos cinco países do Espazo Atlántico. Nesta xuntanza analizáronse as accións a desenvolver para que a Estratexia do Atlántico, que impulsa a Comisión, así como acontecementos próximos, como a ampliación do Canal de Panamá, repercutan no desenvolvemento do interior de Galicia a través do Porto Seco de Monforte e do nodo ferroviario de mercadorías.
Como resultado da reunión, Monforte trasladará á Estratexia do Atlántico problemas e demandas que é importante que contemple, xunto con aportacións para adoptar medidas que resolvan estes problemas. Así, a comezos do próximo ano, e segundo avance a Estratexia do Atlántico, celebrarase unha segunda reunión en Galicia ou no Norte de Portugal á que asistirán representantes da Comisión Europea, representantes dos sectores loxísticos e portuarios e, previsiblemente, da Xunta de Galicia, para avanzar na concreción do exposto polo rexedor monfortino.
A importancia da Estratexia do Atlántico radica en que é un documento de referencia ó igual que as estratexias do Mediterráneo, Báltico ou Danubio, xa en funcionamento, que orientan a adscrición dos Fondos Comunitarios para o periodo 2014-2020.
En declaracións do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, “agora toca consolidar Monforte como núcleo ferroviario de mercadorías e, consecuentemente, o porto seco. Pero hai que ir pensando en que dentro de tres anos fará falta apoio financeiro para o seu desenvolvemento e competitividade ata que a súa propia dinámica o consolide. As institucións temos que impulsar a loxística para que os empresarios creen riqueza, pero será a partir de determinado prazo cando os empresarios terán que asumir o seu mantemento se a loxística funciona”, sinalou.