A Xunta de persoal e un informe xurídico avalan a decisión do goberno de continuar coa provisión de prazas

O Alcalde e a concelleira de Facenda e Persoal ofreceron una rolda de prensa para falar de tres cuestións que terán especial protagonismo na sesión plenaria do venres día 28 de setembro. Estes asuntos refírense ó abastecemento de auga a Gullade, á continuación do proceso de oposición para cubrir tres prazas de administración xeral, ó mantemento da praza de técnico de promoción económica, e á nova ordenanza que regulará o prezo dos postos da Praza de Abastos.

 

En canto ós postos de traballo municipais, Mª Xosé Vega lembrou que no Pleno do mes de xullo o PP sacou adiante, co apoio do PSOE, unha proposta favorable á desaparición de catro prazas creadas con anterioridade no Concello. Os populares pedían paralizar o proceso de oposición de tres prazas de administración xeral e amortizar a praza de técnico de promoción económica.

 

Segundo a concelleira de Facenda esta proposta tiña máis interese político que rigor legal, motivo polo que o Alcalde, despois de anunciar que era competente para seguir adiante con estes procesos, pediu un informe xurídico ó catedrático de dereito laboral da Universidade de Vigo, Jaime Cabezas. Mª Xosé Vega dixo que o informe emitido por este especialista avala a legalidade da decisión adoptada polo Alcalde e manifesta que “a suspensión do proceso de oposición non está avalado pola lei”. Vega Buján dixo que “o expediente administrativo debe concluílo quen o iniciou, e dicir, o Pleno da Corporación”.

 

No que se refire á amortización da praza de promoción económica, o mesmo informe “non atopa xustificación legal para que o Pleno decida sobre esta cuestión”, segundo dixo a concelleira de Facenda, quen engadiu que “pide ademáis outro informe da xunta de persoal, xunta que manifestou a súa oposición á moción que no seu día presentara o PP”.

 

Vega Buján sinalou que o goberno local continúa cos expedientes para cubrir estas prazas e dixo que “segundo estes informes, ratificámonos en que o Pleno non pode decidir sobre este tema”.

 

A concelleira falou da intención do Alcalde de manter os postos de traballo, sobre todo nestes tempos de crise e recortes, comentando que “somos un dos concellos da provincia que menos gasta en persoal, dedicando a esta parcela o 38 % dos recursos”. Vega Buján dixo que estes datos sitúan a Monforte nos postos baixos do listado de concellos da provincia e que coa convocatoria destas pazas non se incrementan os gastos de persoal, tal e como aseguran os dous informes mencionados, engadindo que “na situación económica actual non ten sentido que nos dediquemos a destruir postos de traballo”, agardando que o Pleno rectifique a súa decisión orixinal.

 

Por outra banda, o goberno municipal tamén levará a Pleno o estudo de custos do mantemento da Praza de Abastos, coa intención de consensuar cos grupos da oposición o prezo anual co que deberán contribuir os/as praceiros/as para o mantemento das istalacións.

 

Mª Xosé Vega cuantificou a limpeza, o mantemento das instalacións, o consumo de electricidade e outros gastos similares, en 18.000 € anuais, comentando que a actual ordenanza está desfasada e que os/as industriais da Praza só estarían pagando a terceira parte do que custa.

 

A proposta do goberno é que o Concello subvencione parte deste gasto corriente e os/as praceiros/as se fagan cargo do resto, “propoñendo un criterio de ponderación respecto doutras persoas que realizan actividades en espazos municipais”.

 

Vega Buján comentou que o goberno levaba unha proposta aberta que deberá ser consensuada polos tres grupos da Corporación e que, unha vez aprobada a nova ordenanza “en quince días estaríamos en disposición de sacar a licitación os dous postos vacantes existentes na Praza, algo que é a nosa intención e para o que nos consta que hai persoas interesadas”, subliñou.

 

Outra das cuestións que será debatida no próximo Pleno, mediante unha moción presentada polo PSOE, será o abastecemento de auga á parroquia de Gullade. O Alcalde referiuse a este tema cualificando a moción socialista como “unha proposta en positivo”, ó tempo que manifestou a súa sorpresa porque “ós populares lles moleste que os grupos políticos poidan chegar a acordos, mentres eles, sendo responsables desta situación, só poñen atrancos”.

 

Severino Rodríguez dixo que tódolos acordos que se adoptaron son anteriores á aprobación dos orzamentos, tanto a cesión ó Concello como a creación dunha comisión na que participa a veciñanza, o Concello e a empresa. Segundo comentou o rexedor, esta comisión xa chegou a un acordo para que a empresa fixese un estudo sobre as necesidades existentes para que o Concello xestionase o abastecemento de auga a Gullade. Este acordo adoptouse na primeira reunión celebrada e próximamente haberá unha segunda reunión na que a empresa dará a coñecer o estudo que elaborou.

 

O Alcalde dixo que se estaban cumprindo os compromisos adquiridos coa veciñanza, subliñando que “o PP debería preocuparse de botar unha man e non de esixirlle ó Concello que resolva un problema que este goberno non creou, sobre todo cando as administracións do PP non colaboran en nada”.