O presidente da asociación músico cultural Gramola, Enrique López López, fixo entrega a Cáritas e ós Servizos Sociais Municipais do diñeiro recadado no festival benéfico organizado pola citada asociación.
A entrega simbólica deste diñeiro realizouse esta mañá nun acto celebrado na Casa do Concello no que tamén participaron a directora de Cáritas Interparroquial, Marina Pérez, e a concelleira de Benestar Social, Pilar López.
Enrique López agradeceu o apoio de toda a xente que o axudou, a colaboración desinteresada dos artistas e a resposta da cidadanía. Comentou que lle doia a situación pola que pasan moitas familias de Monforte e prestouse para organizar outro festival similar.
O presidente de Gramola dixo que se venderan 341 entradas ó prezo de cinco euros, sendo a recadación total de 1.705 €.
Tanto dende Cáritas como dende o Concello agradeceron a iniciativa desta asociación e de tódalas persoas que colaboraron para facer posible o festival.
Pilar López dixo que, cando se decida en que apartado dos Servizos Sociais Municipais se vai investir o diñeiro recibido, darase a coñecer á cidadanía.