Este mércores abrirase a XV Feira do Libro de Monforte

A concelleira de Cultura, Pilar López, e Antonio Fernández Maira, representante da Federación de Libreiros de Galicia, presentaron a XV Feira do Libro de Monforte de Lemos que se desenvolverá do 22 ó 25 de agosto na zona peonil da rúa do Cardeal.

 

Durante a Feira haberá un 10% de desconto no prezo dos libros, sendo os horarios das casetas dos libreiros de 11:00 a 14.00 h. polas mañás e de 18:00 a 22 h. polas tardes. A Feira abrirá o día 22 ás seis da tarde e a inauguración oficial terá lugar ás sete e media do serán.

 

Pilar López dixo que “o mundo das letras volve ser un destacado protagonista na actividade cultural do verán en Monforte coa celebración da XV Feira do Libro”.

 

A concelleira sinalou que “contamos un ano máis con esta actividade grazas ó esforzo do Concello, á boa vontade da Federación de Libreiros, e á colaboración fundamental da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo”. A delegada da área de cultura lembrou que Monforte, xunto con outras localidades, foi excluída da listaxe de feiras que patrocina a Xunta de Galicia, motivo polo que “nos vimos na obriga de procurar esa axuda noutras institucións. Afortunadamente, atopamos o apoio da Deputación de Lugo” dixo.

 

Pilar López destacou que “dende o Concello sempre apostamos por esta Feira e pola cultura en tódalas súas manifestacións, motivo polo que nos resultaba moi difícil renunciar a que o libro saíse á rúa un verán máis na nosa cidade, e polo que  nos esforzamos para superar os atrancos cos que nos atopamos”.

 

A concelleira subliñou que “o encanto do achegamento do libro á rúa e a amabilidade dos libreiros invitan a que todos visitemos as seis casetas que estarán instaladas na feira nesta edición de 2012”.

 

Antonio Fernández falou do recorte da subvención coa que a Xunta de Galicia apoia as feiras do libro, destacando o esforzo realizado polo Concello para manter esta cita a pesares de non contar coa axuda do goberno galego. Comentou que debido a estes recortes “a Feira terá menos contidos que en anos anteriores, pero seguirá sendo unha Feira digna e cunha oferta plural”.

 

O representante da Federación de Libreiros dixo que haberá “actividades para os máis pequenos tódolos días, con maxia, obradoiros e moicreques, unha mesa redonda sobre “os segredos da novela histórica” e apresentación de libros por parte dos seus autores”.

 

Fernández Maira dixo que nas feiras celebradas ata o de agora rexistrárase un descenso nas vendas entre o 15 e o 20 %, aínda que subliñu que “a xente non lle da as costas ó libro”. Tamén comentou os recortes “visualízanse na presenza de menos libreiros, na existencia de menos actividades complementarias e na menor presenza de autores”.

 

O representante da Federación de Libreiros manifestou a vontade de volver poñer no calendario a Feira de Monforte.

 

O orzamento desta XV edición é de 12.000 euros, dos cales a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo aporta 5.000. O presuposto habitual destas feiras oscila entre os 15 e os 18.000 euros, segundo comentou Fernández Maira.

 

A Feira, na presente edición, está organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e o Concello de Monforte de Lemos e conta coa colaboración da Deputación de Lugo –Vicepresidencia Primeira.

 

En documento adxunto figura o programa completo de actividades da XV Feira do Libro.

Archivos Adjuntos: