Constituída a Mesa Local de Comercio que se reunirá o día 26 de xuño

Ás 13:00 h. do venres día 8 de xuño quedou constituída a Mesa Local de Comercio de Monforte, nunha  reunión que se celebrou una Casa do Concello.

 

A formalización da Mesa Local de Comercio, de acordo ao artigo 21 da Lei 13/2010 do Comercio Interior de Galicia, contou cos seguintes membros:

 

-Severino Rodríguez Díaz, Alcalde-Presidente do Concello

-Mª José Vega Buján, Concelleira de Promoción Económica

-Mª Pilar Iglesias Osorio, Presidenta da Asociación de Consumidores e Usuarios “En Marcha”

-Mª José Senra Sánchez, Presidenta do CCU de Monforte

-José Manuel Vázquez Leirado, Xefe Territorial da Consellería de Economía e   Industria de Lugo, en representación da Consellería de Economía e Industria.

 

A Mesa Local de Comercio, órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a administración local e os axentes representativos do sector comercial, sinalou o día 26 de xuño como a data de celebración da súa primeira reunión.

 

Segundo estipula a Lei, a solicitude de axudas destinadas ó sector comercial que se fagan á Xunta de Galicia deberán ser informadas previamente pola Mesa Local de Comercio. Actualmente o goberno galego tén abertas dúas liñas de axudas que marcan o día 2 de xullo como data final de acceso, motivo polo que urxe a primeira convocatoria de reunión.

 

Segundo comentaron en rolda de prensa, esta primeira reunión da Mesa Local de Comercio servirá para planificar o traballo dos vindeiros meses.

 

O Alcalde manifestou que, aínda que a Lei esixe unha reunión anual, a periodicidade das xuntanzas da Mesa monfortina será, cando menos, trimestral.

 

A concelleira de facenda dixo que os asuntos que se traten nestas reunións terán carácter diverso, sempre e cando afecten a comerciantes e consumidores, podendo abordar “dende as festas e os mercados ata a ORA”. 

 

O Xefe Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo dixo que os hostaleiros poderían asistir ás sesión da Mesa Local de Comercio “en calidade de invitados”.

 

Monforte xa contaba dende hai anos cunha Mesa de Servizos na que participaban representantes das asociación de comerciantes, empresarios e hostaleiros, creada por iniciativa do actual goberno local co obxecto de consensuar tódalas actuacións encamiñadas a promover e dinamizar o sector comercial e hostaleiro da cidade.