O Conselleiro de Medio Ambiente apoia a Monforte como nó loxístico de mercadorías

O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou hoxe martes o concello de Monforte.

 

O Conselleiro chegou ó Porto Seco sobre as 11:00 h., onde o agardaba o Alcalde, Severino Rodríguez, a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e  membros da corporación municipal.

 

Despois de visitar as obras de urbanización da plataforma loxística e de recibir explicacións sobre o desenvolvemento do proxecto, Agustín Hernández trasladouse á Casa do Concello para entrevistarse co Alcalde e cos voceiros dos grupos municipais. Rematado este encontro, o Conselleiro, a Delegada e o Alcalde celebraron unha reunión privada no despacho do rexedor monfortino.

 

Na comparecencia ante os medios de comunicación o Conselleiro falou de que a primeira fase das obras do Porto Seco serán unha realidade a finais do ano en curso, e de que a Xunta de Galicia desenvolverá actuacións para fomentar a busca de potenciais usuarios deste espazo empresarial coa finalidade de acadar un rápido desenvolvemento do mesmo e con vistas a unha futura ampliación.

 

Respecto dos accesos ó Porto Seco, Agustín Hernández indicou que o enlace coa estrada N-120 atópase en trámite expropiatorio, mentres que o enlace coa estrada LU-546 (a que vai a Sarria) xa ten finalizados os estudos informativo e de impacto ambiental estando previsto aprobar o trazado definitivo antes de que remate o ano.

 

En canto á rede de saneamento e ás depuradoras, o Conselleiro dixo que se estaba iniciando un estudo en colaboración co Concello, estudo que se remataría ó longo deste ano para, de seguido, iniciar melloras nas depuradoras de augas residuais e na rede de saneamento cun orzamento de 7 millóns de euros nunha primeira fase.

 

Agustín Hernández tamén falou da previsión de que o primeiro tramo do corredor Sarria – Monforte, con 9 quilómetros dun total de 25,  entre en funcionamento antes de que finalice o ano.

 

Finalmente, o Conselleiro referiuse á inclusión de Monforte como nó loxístico de mercadorías dentro da rede básica de transporte ferroviario da Unión Europea. Agustín Hernández comentou que este é un asunto que está en fase de tramitación e que xa superou o primeiro chanzo, agardando a súa aprobación definitiva ó longo do presente ano. O Conselleiro cualificou este proxecto como unha gran oportunidade para Monforte e para Galicia, manifestando que “as xestións que realice o Alcalde contarán co pleno apoio do goberno de Galicia”.

 

Severino Rodríguez agradeceu a visita do Conselleiro e reiterou a total colaboración coa Xunta de Galicia. O Alcalde dixo que Monforte estaba abordando a realización de infraestruturas de gran importancia cara ó desenvolvemento económico e a creación de emprego, manifestando que as cousas estábanse facendo ben e cunha estreita colaboración.

 

O rexedor monfortino dixo que debíamos prepararnos para un futuro que pasa pola consolidación de Monforte como capital da Ribeira Sacra e a necesaria conversión en nó loxístico de distribución de mercadorías.

 

O obxectivo, segundo dixo Severino Rodríguez, é que a Comisión Europea de transportes manteña a Monforte como nó loxístico e como referencia fundamental no transporte de mercadorías, para o cal iniciará conversas a tódolos niveis co obxectivo de que “o que hoxe é máis que un borrador, case unha proposta definida, se convirta nun proxecto definitivo”, algo para o que o Conselleiro “xa manifestou o seu apoio”, dixo o Alcalde.