O enoturismo ten cada vez máis puxanza entre a cidadanía como alternativa de viaxe, e o número de persoas que visitan unha zona polo atractivo dos seus viños medra día a día. O viño converteuse nun reclamo turístico de primeiro nivel, xogando un destacado papel na atracción de visitantes que, ademais de coñecer os caldos, aproveitan para achegarse a outros elementos paisaxísticos, patrimoniais ou gastronómicos, existentes en cada lugar.
A Rede Galega de Empresas e a Asociación Galega de Viticultura organizan, co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración, entre outros, do Concello de Monforte, unhas Xornadas Enoturísticas e Culturais dedicadas á Ribeira Sacra.
A experiencia desenvolverase os días 11, 12 e 13 de maio en Monforte e na capital provincial, incluíndo no seu programa conferencias, catas de viños e queixos, e visitas a viñedos e adegas.
O obxectivo primordial destas Xornadas é divulgar e promover iniciativas empresariais vinculadas ós diferentes recursos turísticos da Galicia interior.
O conxunto etnográfico das adegas de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, viñedos ecolóxicos da ribeira chantadina, ou adegas da subzona de Amandi, serán visitadas durante a celebración dunhas Xornadas nas que empresarios, representantes da hostalería, escritores, profesores de universidade, etc…, falarán de diversas actividades e aspectos do enoturismo.
A presentación destas Xornadas realizouse esta mañá no Centro do Viño da Ribeira Sacra, coa participación do Xerente da Rede Galega de Empresas, Manuel Vázquez, do Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Veiga, do Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e de representantes do C.R. da D.O. Ribeira Sacra e da Asociación Galega de Viticultura.
Manuel Vázquez dixo que as Xornadas celebrábanse como promoción das propias empresas e que xuntaban a tres sectores, o do viño, o do queixo, e o do turismo, coa intención de crear sinerxias como medida fundamental para que a economía avance.
Severino Rodríguez considerou axeitado o plantexamento das Xornadas e a vinculación dos diferentes sectores para poñelos en valor e dinamizar a economía. O Alcalde dixo que difundir os produtos da terra é difundir o territorio e os seus atractivos.
Antón Veiga manifestou que o obxectivo da Deputación de Lugo é crear emprego e defender os servizos públicos, sinalando que as empresas da provincia non se dedican á especulación. O Vicepresidente dixo que a Deputación de Lugo cre no sector primario e que o avance na economía pasa pola crenza nas nosas posibilidades.
En documento adxunto poden ver o programa completo das Xornadas Enoturísticas, dirixidas ó empresariado pero abertas á participación da cidadanía.