O goberno propoñerá taxas do 0,30 % para vivendas e do 0,80 % para naves industriais incluídas no listado de edificios fóra de ordenación

O pasado 19 de abril rematou o prazo, de dous anos de duración, aberto pola Xunta de Galicia para que as edificacións rematadas antes do 1 de xaneiro do ano 2003 e que carecesen das preceptivas licenzas poideran acollerse a unha situación urbanística especial.

 

Un total de vinte e un propietarios/as das citadas edificacións, cinco vivendas unifamiliares e dezaseis naves industriais, pasaron polo rexistro municipal e presentaron a documentación solicitada para poder incluír os inmobles na listaxe de “edificios fóra de ordenación”.

 

O goberno municipal levará á sesión plenaria que se celebrará o día sete de maio unha proposta sobre as taxas que se deberán aboar por incluír estas edificacións na listaxe de situación urbanística especial.

 

A concelleira de facenda explicou que estas taxas veñen a corrixir as recollidas na ordenanza que fora aprobada por unanimidade nun pleno celebrado hai meses, e que estimaba un custe de dez euros por metro cadrado de cada edificación.

 

Mª Xosé Vega indicou que fronte ó cobro por metro cadrado a actual proposta utiliza o criterio do valor de execución material, segundo as taxas que manexa o Colexio de Arquitectos.

 

A responsable municipal de facenda dixo que o custo de execución material é moi diferente segundo se trate de naves industriais ou de vivendas, motivo polo que a proposta do equipo de goberno recolle unha taxa do 0,30 % para as vivendas e o 0,80 % para as naves.

 

Mª Xosé Vega sinalou que a vivenda é un ben necesario que ten un valor de execución material moi alto, mentres que as naves industiais son instalacións económicas e de negocio cun valor de execución moito máis baixo. A concelleira de facenda dixo que “ante custos diferentes as tarifas serían inversamente proporcionais”.

 

A responsable de facenda comentou que esta proposta diferénciase das que levarán a pleno os socialistas e os populares, comentando que estaría por debaixo do 1 % que propón o PSOE e non sería tan gravosa para os propietarios de vivendas unifamiliares como o 0,50 % que propón o PP. Mª Xosé Vega salientou que coa proposta do BNG o Concello recadará 15.000 €, mentres que coa do PSOE a recadación ascendería a 21.000 €.

 

A concelleira de facenda ilustrou as súas manifestacións con dous exemplos do que custarían as taxas coas propostas de cada un dos grupos políticos da Corporación:

 

  • Unha vivenda de 150 m2 pagaría 262 € coa proposta do BNG, 873 € coa do PSOE, e 436 € coa do PP.
  • Unha nave de 520 m2 pagaría 689 € coa proposta do BNG, 811 € coa do PSOE, e 405 € coa do PP.

 

Mª Xosé Vega indicou que a proposta do goberno municipal supón que en Monforte se pague menos que en Lugo por acollerse a este listado de situación urbanística especial.

 

A concelleira tamén destacou que aquelas naves industriais que se acolleron á oportunidade que lles deu a Xunta de Galicia poderán solicitar no Concello a pertinente licenza de actividade, algo do que agora carecen e que resulta imprescindible para desenvolver o traballo que realizan.