A mocidade participará en rutas guiadas para coñecer mellor a riqueza artística, histórica e literaria de Monforte

A concellería de educación e cultura, dirixida por Pilar López, levará a cabo durante os meses de abril e maio unha serie de rutas guiadas dirixidas ó alumnado de primaria e secundaria dos diferentes centros da cidade.

 

Estas rutas teñen un carácter histórico e literario, enmarcándose a actividade dentro dun programa máis amplo que a concellería está deseñando para conmemorar o Día das Letras Galegas.

 

As rutas terán unha duración mínima de dúas horas, comezando entre as 10:00 e as 11:00 da mañá, segundo as preferencias ou necesidades dos centros que nelas participen. A actividade está pensada para o alumnado de quinto curso de primaria e, no caso dos centros de secundaria, para aqueles cursos que consideren máis conveniente os propios centros.

 

As rutas para os centros de primaria incidirán en aspectos históricos e artísticos con algunhas referencias literarias, mentres que as dirixidas ó alumnado de secundaria afondarán en aspectos literarios sen deixar de lado a arte e a historia da cidade.

 

Os percorridos terán inicio e remate nos propios centros educativos participantes, ós que xa se lles informou da iniciativa nunha xuntanza celebrada entre a concelleira Pilar López e representantes dos centros.

 

 

RUTA COÑECE MONFORTE PARA EDUCACIÓN PRIMARIA

 

A actividade consiste en realizar unha ruta por Monforte de Lemos, atendendo especialmente a aqueles lugares cun marcado interese histórico, artístico e literario, e realizando comentarios históricos e literarios que se consideren relevantes sobre as rúas e lugares polos que descorra a ruta.

A concellería de educación e cultura invitou a participar nesta actividade a tódolos centros onde se imparte educación primaria: Colexio Escolapios, Fundación Educativa Torre de Lemos, Colexio Ferroviario, CEIP A Gándara, e CEIP Monforte, así como ó CEE Infanta Elena.

 

RUTA HISTÓRICO - LITERARIA POR MONFORTE (EDUCACIÓN SECUNDARIA)

 

A actividade consiste en realizar unha ruta por lugares de Monforte de Lemos tomando como fío condutor principal a literatura, facendo tamén referencias á arte e á historia da cidade.

 

Preténdese que a literatura, a Terra de Lemos, e a propia cidade de Monforte sexan o fío condutor da ruta, durante a que se farán comentarios históricos e literarios que se consideren relevantes das rúas e lugares polos que discorra a ruta.

 

A concellería de educación e cultura invitou a participar na actividade a tódolos centros onde se imparte ensino secundario: Colexio Escolapios, Fundación Educativa Torre de Lemos, Colexio Ferroviario, IES Daviña Rey, IES Río Cabe e IES A Pinguela.

 

Este venres día 20 abril desenvolverase a primeira ruta coa participación de alumnado de secundaria da Fundación Educativa Torre de Lemos.