Reunión a prol dun entroido responsable

A concelleira de educación, Pilar López, convocou ós directores e directoras dos centros de ensino da cidade a unha reunión que se celebrará mañá mércores ás 16:30 h. A finalidade da xuntanza é falar cos responsables dos centros educativos sobre a celebración do entroido e sensibilizar ós mozos e mozas para facer do entroido unha manifestación festiva de solidariedade.

 

Como apunta a concelleira: “Trátase de pasalo ben e de facer o ben. En celebracións pasadas popularizouse o costume de estragar ovos e outros alimentos nas celebracións. O entroido é un tempo para subverter a orde establecida e transgredir as normas, pero a crise enfronta a moitas familias a situacións económicas moi extremas e hai persoas que teñen serias dificultades para alimentar ás súas familias”. E subliña: “Non hai nada divertido en botar a perder alimentos que outras persoas precisan urxentemente. Para subverter a crise hai que practicar a solidariedade e non o malgasto de bens que outros necesitan.”

 

Por este motivo a concelleira vai reunirse cos directores e directoras dos centros educativos, solicitando a súa colaboración como educadores para, entre todos, lograr que o tempo do entroído sexa tamén un tempo para a solidariedade.