O goberno municipal simplificará os trámites para a apertura de novas empresas e negocios

O goberno monfortino traballa na redacción dunha ordenanza reguladora da apertura de establecementos para o exercicio de actividades non sometidas a avaliación da incidencia ambiental, ordenanza que debaterá a Corporación Municipal na sesión plenaria do vindeiro mes de febreiro.

 

A elaboración desta ordenanza responde ó esforzo do goberno municipal para promover e facilitar a creación de emprego e a posta en marcha de novas actividades económicas, xa sexan comerciais ou industriais.

 

O obxectivo final da ordenanza é simplificar e reducir os trámites burocráticos previos á apertura de establecementos nos que se desenvolvan certas actividades comerciais e empresariais.

 

No ámbito local, a licenza de apertura de establecementos constitúe un instrumento de control municipal co fin de manter o equilibrio entre a liberdade de creación de empresa e a protección do interese xeral, xustificado polos riscos inherentes que  algunhas actividades conlevan: incomodidades, alteración das condicións medioambientais ou de salubridade, incidencia nos usos urbanísticos, risco para a seguridade das persoas ou dos bens.

 

Con esta ordenanza o goberno municipal pretende eliminar aqueles aspectos da burocracia administrativa que supoñen demoras e cargas, non sempre necesarias, que deben ser superadas en atención ó principio de eficacia recollido na Constitución e ó principio de celeridade expresado no réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

 

A Lei de comercio interior de Galicia, que traspón ó dereito galego unha Directiva do Parlamento e do Consello de Europa, regula o réxime das licenzas de apertura significando, entre outras cuestións, o seguinte:

 

 

- As licenzas de apertura dos establecementos serán concedidas polos         concellos, de acordo coa normativa vixente en materia de urbanismo, seguridade, salubridade e protección do medio ambiente.

 

- En todo caso, as actividades comerciais non suxeitas ao trámite de incidencia, efecto ou impacto ambiental, nin ao informe da consellería titular da competencia en sanidade, estarán exentas da obtención da licenza municipal de apertura  ou de actividade, bastando para o inicio desta a presentación dunha comunicación previa ou dunha declaración responsable.

 

Polo tanto, con esta ordenanza, o Concello pretende facilitar e facultar a posta en marcha de actividades económicas non sometidas a avaliación de incidencia e impacto ambiental, de maneira que ás citadas actividades poidan iniciarse sen previa licenza municipal, articulándose a posteriori o preceptivo e necesario control municipal.

 

Deste xeito, bastará a presentación da Comunicación Previa, que se realizará cubrindo unha simple instancia e, nalgúns casos, documentación complementaria, para iniciar unha actividade económica. Esta Comunicación Previa constitúe un medio para que a administración coñeza a existencia da actividade e poida activar as comprobacións pertinentes non supoñendo, en ningún caso, a autorización administrativa definitiva para o desenvolvemento da mesma.

 

En definitiva, esta ordenanza axilizará a posta en funcionamento de certas actividades económicas que non estean suxeitas a requisitos e informes dependentes doutras administracións.

 

Esta nova medida vén sumarse a outras iniciativas xa adoptadas polo goberno nacionalista coa mesma intencionalidade, sendo conscientes do estreito marxe de actuación que teñen os concellos no eido do emprego e da promoción empresarial.

 

A exención fiscal de ata o 90 % no imposto de construción para empresas de nova creación que xeren postos de traballo; a concesión do 75 % da obra pública dependente do Concello a empresas monfortinas; a creación dunha oficina de promoción económica onde traballará un equipo humano dedicado ó fomento e a promoción do emprego; o proxecto de construción dun Centro de Iniciativas Empresariais no barrio da Estación..., son algunhas das iniciativas postas en marcha polo goberno municipal no sector do emprego e da empresa.

 

A preocupación polo emprego e polo fomento da actividade económica é un dos eixos sobre os que xira a acción do goberno nacionalista de Monforte, sendo conscientes da reducida capacidade que teñen os concellos neste eido, pero sen escatimar esforzos no seu empeño.

  

Archivos Adjuntos: