O Concello non perdeu nin perderá subvencións por mor da conta xeral do 2010

O alcalde, Severino Rodríguez, e a concelleira de facenda, Mª Xosé Vega, desmentiron que o Concello non poidera optar a subvencións da Xunta de Galicia dende o pasado mes de outubro.

 

Ante a información publicada hoxe, referida a que o Concello de Monforte perdía subvencións da Xunta de Galicia  por non ter presentado as contas do 2010, o Alcalde dixo que “é totalmente falso que o Concello non poida optar a subvencións do goberno galego, e que este dato certificábase coa axuda recentemente recibida da Xunta de Galicia para contratar un axente de emprego e desenvolvemento local”.

 

Severino Rodríguez afirmou que o Concello “non perdeu nin vai perder ninguna subvención por este motivo”, engadindo que “por parte do PP e do PSOE inténtase crear unha situación de alarma que non responde á realidade, e preténdese transmitir á cidadanía que o Concello ten problemas económicos e financieros”, algo que ó seu xuizo “é absolutamente irreal”.

 

O Alcalde lembrou que a conta xeral do Concello de Monforte correspondente ó ano 2010 foi aprobada na sesión plenaria celebrada o pasado día 26 de decembro, atopándose a mesma na Intervención Municipal a efectos de xerar os ficheiros correspondentes para remitir ó Consello de Contas. O rexedor tamén informou de que, con data 2 de decembro do 2011, enviouse comunicación ó Consello de Contas informando que a conta xeral do 2010 estaba en exposición pública e pendente de ser aprobada no pleno do día 26 dese mesmo mes.

 

Severino Rodríguez engadiu que, a día de hoxe, o Concello non ten ningunha subvención paralizada por esta cuestión, nin perderá por este motivo subvencións futuras ás que poida optar. O Alcalde dixo que “o que fai falta é que nos concedan aquelas subvencións que solicitemos”.

 

A concelleira de facenda comentou que “o PP de Monforte leva meses instalado na mentira para facer oposición, e que esta é unha máis das mentiras do PP como fórmula de desgaste”.

 

Mª Xosé Vega dixo que as aplicacións informáticas do Consello e do Tribunal de Contas son diferentes ás que utiliza o Concello de Monforte e que o que se está facendo é trasladar os datos da conta xeral do 2010 dunha aplicación informática a outra. A concelleira comentou que estes organismos non aceptan a documentación en papel, e que hai que enviarlla no formato informático que eles utilizan.

 

Segundo dixo Mª Xosé Vega, hai épocas do ano nas que a intervención municipal ten unha inxente carga de traballo e que agora estase a vivir unha desas épocas co peche do IRPF, o peche da conta xeral, a prórroga dos orzamentos, etc.

 

A responsable da área municipal de facenda insistiu en que non se perdeu ningunha subvención e dixo que “estaremos atentos ás subvencións de emprego, para as que remata o prazo en febreiro. Serán subvencións que solicitaremos e que agardamos se concedan en base ó número de desempregados de cada Concello e non por afinidades políticas”.

 

Mª Xosé Vega dixo que hai concellos do PP que aínda non aprobaron a conta xeral, mentres que Monforte estará en disposición de remitila ó Consello de Contas en cuestión de días.

 

Finalmente, a concelleira de facenda sinalou que a intervención municipal ten unha enorme carga de traballo para resolver cousas do pasado, pertencentes ós anos de goberno do PP, e que en breve levará a cabo unha reorganización das áreas económicas municipais para reforzar o servizo de intervención.

 

 

  

Archivos Adjuntos: