O alcalde de Monforte, a petición da APA do Colexio de Educación Especial Infanta Helena, convocou para este venres unha reunión de alcaldes de concellos da comarca e da bisbarra.
Os membros da APA deste centro de educación especial pedíronlle a Severino Rodríguez, nunha das últimas reunións mantidas co rexedor monfortino, que convocara unha xuntanza dos alcaldes daqueles concellos que teñen entre os seus habitantes persoas que son atendidas no Infanta Helena. A intención dos membros da APA é explicarlle ós alcaldes a situación e a problemática que se orixina cando os seus fillos/as cumpren 21 anos.
Este centro acolle nas súas instalacións a menores con discapacidade de etioloxía variada, non só da comarca de Monforte, senón tamén de comarcas da bisbarra como Sarria, Chantada, Quiroga ou Valdeorras. O problema xurde cando os rapaces e rapazas cumpren 21 anos, idade máxima de acollida neste Centro.
Á reunión, que se celebrará este venres día 20 ás 11:00 h. na Casa do Concello de Monforte, foron convidados os alcaldes de Chantada, Sarria, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Quiroga, Pobra do Brollón, O Incio, e O Saviñao.