O “I Campamento Lúdico Bilingüe de Nadal” obtén unha alta valoración

Os pais e nais dos rapaces e rapazas que asistiron ó “I Campamento Lúdico Bilingüe de Nadal”, organizado pola concellería de educación do Concello de Monforte para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, valoraron de xeito moi positivo a iniciativa municipal e os contidos do Campamento.

 

O Campamento, desenvolvido pola  empresa monfortina “Trasnadas Animación”, levouse a cabo nas instalacións do Edificio Multiusos e no polideportivo do CEIP Monforte durante o período das vacacións escolares de Nadal e en horario matinal, contando coa participación de 48 pequenos e pequenas.

 

Ó remate da actividade, que se levou a cabo entre os días 23 de decembro e 5 de xaneiro, invitouse ós pais e nais a cubrir unha breve enquisa na que expresaran a súa opinión sobre diversos aspectos do Campamento e o seu grao de satisfacción respecto do mesmo.

 

A esta enquisa, con carácter anónimo e realizada co ánimo de mellorar de cara a futuras edicións, responderon un total de 22 persoas.

 

A primeira das cuestións recollidas referíase ó grao de satisfacción do Campamento, ofrecendo a posibilidade de valoralo nunha escala do 1 ó 5. Trece persoas cualificárono cun 5 (59 %), sete cun 4 (32 %), e dúas cun 3 (9 %).

 

A totalidade das persoas enquisadas coincidiron en valorar positivamente a organización e desenvolvemento do Campamento, así como os contidos do mesmo. Á pregunta de se incluirían outros contidos, 17 persoas responderon que non, mentres que entre as 5 restantes suxeríronse actividades como música, deportes colectivos, cerámica e incrementar o tempo dedicado á educación vial.

 

As respostas foron unánimes en canto ó axeitado da introdución do idioma inglés e ás instalacións onde se desenvolveu o Campamento. No referente á idoneidade das idades dos usuarios/as, a práctica totalidade dos enquisados considerounas adecuadas, agás tres persoas que responderon negativamente.

 

Sobre os horarios do Campamento, houbo catro persoas que manifestaron o su desexo de anticipar o inicio das actividades en media hora, ás 9:00 en vez das 9:30, para facilitarlle ós pais e nais a incorporación ós seus traballos.

 

En canto á relación calidade – prezo, só dúas persoas amosaron a súa disconformidade, pero a totalidade dos enquisados manifestou a intención de volver repetir a experiencia en anos sucesivos.

 

No apartado no que se solicitaba que destacaran os aspectos máis salientables do Campamento, a inmensa maioría coincidiu en salientar o seu carácter bilingüe e o compromiso e o trato dos monitores. Outros aspectos destacados polos pais e nais foron os contidos en xeral e a educación vial e os obradoiros de manualidades en particular, así como a animación , a responsabilidade e o interese da organización. Como cuestión a mellorar, algúns enquisados referíronse á actividade con inchables.

 

Finalmente, no apartado de observacións, os enquisados destacaron a calidade do Campamento, reclamaron a súa continuidade en períodos de vacacións escolares, salientaron as relacións entre os rapaces e rapazas e a creación de novas amizades, e, nalgún caso, solicitaron o inicio da actividade o día 22 en vez do 23 de decembro.

 

A concelleira de educación, Pilar López, quedou satisfeita co resultado da enquisa e co desenvolvemento da actividade, tomando boa nota das mínimas suxestións realizadas polos pais e nais dos rapaces e rapazas que participaron no I Campamento Lúdico Bilingüe de Nadal.

 

  

Archivos Adjuntos: