A concelleira de promoción económica, María Xosé Vega, comunica que dende finais de decembro do 2011 o Concello de Monforte de Lemos conta cun Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, que presta os seus servizos nas oficinas situadas nas Casiñas da Compañía.
As persoas interesadas poderán contactar persoalmente co Axente de Emprego e Desenvolvemento Local na súa oficina, ou ben chamando ó teléfono 982 884 775 ou na dirección de correo electrónico emprego_pe@concellodemonforte.com
A contratación deste Axente de Emprego e Desenvolvemento Local está financiada en parte pola Consellería de Traballo e Benestar.
O principal obxectivo do AEDL é a promoción económica local e o impulso de proxectos empresariais e de iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no Concello. A pretensión do goberno municipal é que esta oficina sexa un punto de referencia para tódalas persoas que desexen poñer en marcha un proxecto empresarial.
O AEDL prestará asistencia ás persoas interesadas nas seguintes cuestións:
• Xestionar axudas para favorecer o acceso ó emprego.
• Informar ás empresas dos instrumentos de promoción e fomento da competitividade empresarial dispoñibles, así como facilitar o seu acceso ós mesmos.
• Promover a cultura emprendedora fomentando iniciativas empresariais e apoiando novos proxectos de auto emprego individual ou colectivo, informando das medidas de apoio existentes e pondo en relacións persoas emprendedoras e recursos.
•Informar a empresas e persoas emprendedoras sobre as subvencións para a formación e o emprego, así como facilitar o acceso ás mesmas.
• Facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego, en especial das participantes en políticas activas de emprego, identificando as necesidades de persoal das empresas a curto e medio prazo e propondo accións de mellora de acceso ó mercado laboral da poboación desempregada.
• Contribuír ó desenvolvemento socioeconómico do territorio mediante:
- A prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais de promoción económica e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego.
- A difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre persoas desempregadas, promotores e promotoras, persoas emprendedoras e institucións colaboradoras.
- O acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.
- O apoio ós promotores e ás promotoras das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos/as tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.
Dende o Concello agárdase que tanto os emprendedores/as, como as empresas e mesmo os desempregados/as, utilicen este novo servizo que a entidade municipal pón á súa disposición.