Só o 5 % da débeda de dubidoso cobro corresponde á xestión do goberno nacionalista

A concelleira de facenda e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega, comparecu ante os medios de comunicación para explicar cuestións relativas á contabilidade municipal e, segundo dixo “desmentir opinións que non responden á realidade”.

 

Mª Xosé Vega dixo que o problema dos servizos económicos forma parte da herencia de anteriores gobernos, e que o que fai o goberno nacionalista é dedicar unha cantidade anual proxima ós 600.000 euros para minimizalo.

 

A concelleira de facenda cuantificou en 4.800.000 euros a débeda de dubidoso cobro, procedente de impostos non recadados dende o ano 1990, que o Concello ten na actualidade. Segundo comentou Mª Xosé Vega, o groso desta débeda pertence a períodos anteriores e só o 5 % da mesma é atribuíble ó goberno do BNG. Entre os anos 1990-1994, goberno de Celestino Torres, xeráronse 1.680.000 euros desta débeda; entre os anos 1995-2002, goberno de Nazario Pin, o importe da débeda foi de 2.980.000 euros; no período de goberno nacionalista que vai do 2003 ó 2009 a cantidade foi de 258.000 euros.

 

Mª Xosé Vega dixo que cando chegaron ó Concello no ano 2003 “topamos un burato financiero de case 7 millóns de euros como herencia, burato que cada ano imos tapando coa aportación de case 600.000 euros en cada exercicio”. A concelleira dixo que é importante recadar para poder seguir prestando servizos e que, de non exisitir esa débeda herdada, o diñeiro que se destina para reducila podería investirse en outro tipo de actuacións.

 

A concelleira de facenda manifestou que a situación económica do Concello non é alarmante, que é a mesma que se vive dende o 20003 e que cada ano se lle vai facendo fronte. A situación, segundo dixo, “está totalmente controlada”.

 

Mª Xosé Vega insistiu en que os mesmos informes que se levan a pleno remítense ó Consello de Contas, máximo órgano fiscalizador das contas públicas na comunidade autónoma, e que este órgano nunca fixo ningún apercibimento ó concello de Monforte.

 

Outro dos aspectos que destacou a máxima responsale das contas municipais foi que, do mesmo xeito que se perderon dereitos de cobro sobre impostos municipais, existe outro problema herdado que suma preto de 1.200.000 euros, un problema chamado ingresos pendentes de contabilizar. Estes son ingresos que si recibiu o Concello pero que non se sabe por que concepto ingresaron nas contas municipais. Segundo comentou Mª Xosé Vega, “por lei, e ó descoñecer a súa procedencia, non se pode utilizar esa cantidade, algo que diminúe a nosa capacidade financeira”.

 

Finalmente, a concelleira de facenda salientou que “dende o 2003, ano no que chegamos ó goberno municipal, a situación financeira do Concello presenta a máis absoluta normalidade e non se producen bolsas de dubidoso cobro. O que pasaba antes xa on volveu pasar” 

Archivos Adjuntos: