O alcalde propúxolle ós integrantes da Mesa de Servizos de Monforte, na reunión celebrada na Casa do Concello na tarde de hoxe, un sistema gratuíto mediante o cal se regularía o estacionamento de vehículos nas rúas do centro urbano con maior incidencia comercial
Os representantes das asociacións de comerciantes, empresarios e hostaleiros (CCU, CEL, e APEHL), integrantes da citada Mesa, coincidiron na necesidade de regular o estacionamento no centro urbano en aras de propiciar a mobilidade dos vehículos e, deste xeito, lograr unha maior dispoñibilidade de prazas de aparcadoiro. Todos apoiaron a proposta do goberno municipal de instaurar a zona azul, aínda que os membros do CCU estarían dispostos a apoiar unha proposta de pago como a ORA, dado o seu carácter disuasor no momento de cumprir coa limitación temporal de estacionamento.
O goberno municipal propuxo o sistema de zona azul para regular o estacionamento na zona comercial debido ó seu carácter gratuíto. A intención do alcalde e do goberno coa posta en marcha deste sistema é facilitar o acceso ó comercio local procurando un incremento do número de clientes, evitando, na medida do posible, a derivación dos compradores a grandes superficies que proporcionan facilidades para aparcar.
O alcalde considera que a aplicación deste sistema tamén reducirá a circulación de automóbiles no casco urbano, o que supoñerá unha notable mellora para que os peóns gocen da cidade.
Severino Rodríguez explicoulles ós integrantes da Mesa de Servizos que había dúas maneiras de lograr estes obxectivos, o sistema ORA, de pago, ou a zona azul, gratuíta. O alcalde dixo que os dous sistemas son eficientes sempre e cando se xestionen correctamente, pero que o goberno municipal prefería aplicar un método gratuíto dada a situación de crise económica que afecta a toda a poboación.
O rexedor monfortino comentou que para que este sistema funcione resulta fundamental a implicación do Concello, dos comerciantes, e da cidadanía.
Unha vez que a Mesa de Servizos manifestou o seu total acordo coa proposta do goberno municipal, antes de poñela en marcha o Concello debe organizar a aplicación da zona azul, elaborar unha ordenanza que a regule e sometela a aprobación da Corporación Municipal.
A delimitación da zona azul afectará á zona comercial do centro urbano aplicándose, entre outras, na totalidade ou en tramos de rúas como O Malecón, Hortas, Inés de Castro, Teceláns, Campo de Santo Antón, Otero Pedrayo, Avenida de Galicia, Compañía, ou rúa do Conde.
A previsión do goberno municipal é que se regulen mediante a zona azul unhas cincocentas prazas de estacionamento. As franxas horarias nas que funcionará a zona azul serán de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de luns a venres, e de 10:00 a 14:00 horas os sábados.
O alcalde considera que, na práctica, a zona azul entraría en funcionamento no primeiro semestre do vindeiro ano.
Outro dos asuntos que se trataron na reunión da Mesa de Servizos de Monforte foi a proposta do Concello de cara á constitución da Mesa Local do Comercio.
A constitución desta Mesa está regulada pola Lei 13/2010 de 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que recolle a creación da Mesa Local do Comercio como un órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a administración local e os axentes representativos do sector comercial.
Este órgano terá ámbito municipal naqueles concellos que conten cun número mínimo de vinte comercios retallistas ou con algunha asociación de comerciantes, premisas que cumpre a nosa cidade.
Os obxectivos que persegue a constitución da Mesa Local do Comercio son incrementar o dinamismo e a modernización do comercio local, crear un foro de debate plural e eficaz, e instaurar un órgano consultivo para lograr o consenso nas políticas municipais referidas á actividade comercial.
No referente á súa composición, a Lei especifica que deberán formar parte desta Mesa un representante de cada unha das asociacións de comerciantes e de consumidores existentes no municipio, igual número de representantes do Concello, e un representante da Xunta (con carácter voluntario).
Ante a ausencia de asociacións de consumidores e a existencia dunha única asociación de comerciantes en Monforte, o alcalde propuxo que integren a Mesa Local de Comercio un representante do CCU, un da CEL e un de APEHL, proposta que foi aceptada polos integrantes da actual Mesa de Servizos do Concello de Monforte.
O alcalde remitirá esta proposta á Xunta de Galicia, agardando que conte co beneplácito do goberno autonómico.