O Concello aclara a realidade dos servizos sociais municipais

A tenente de alcalde, Mª Xosé Vega, e a concelleira de Benestar Social, Pilar López, ofreceron unha rolda de prensa para aclarar a realidade dos servizos sociais municipais, saíndo ó paso das últimas manifestacións da delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo a este respecto.

 

A concelleira de Benestar Social dixo que había dous tipos de axuda: a de dependencia e a básica. En canto á axuda a dependencia, comentou que era a Xunta de Galicia a que valoraba o grao de dependencia dos usuarios/as, confeccionaba o catálogo de servizos e definía o tipo de atención que cada solicitante debía recibir, debendo cumprir o Concello aquilo que a Xunta estipulaba.

 

Os datos que ofreceu respecto da axuda á dependencia no concello de Monforte son os seguintes: a día de hoxe hai 67 persoas que reciben este tipo de axuda, variando o número de horas de prestación entre 20 e 90  ó mes segundo usuario/a; no ano 2011 este servizo tivo un custo de 490.000 euros, dos cales os usuarios/as aportaron 34.000 €, o Concello 51.000 e o resto correspondeu á Xunta de Galicia.

 

Pilar López dixo que o Concello nunca planteara ningún problema respecto da axuda á dependencia.

 

En canto á axuda básica a domicilio, a concelleira sinalou que no pasado mes de marzo a Xunta de Galicia comunicou que non aportaría diñeiro para este servizo nin para o persoal dos servizos municipais que o xestiona, ós concellos de menos de 20.000 habitantes.

 

Pilar López indicou que no ano en curso hai 130 persoas usuarias da axuda básica a domicilio en Monforte e que o financiamento deste servizo no ano 2011, cun custo total de 231.000 euros, foi o seguinte: usuarios/as 34.000 €, Deputación de Lugo 51.000 €, Xunta de Galicia 21.000 €, e Concello 124.000 €.

 

Segundo dixo a concelleira de Benestar Social, os problemas xurden no presente ano cando a Xunta, despois de recortar a axuda no 2011 ó 50 %, decide suprimila na súa totalidade e, ó mesmo tempo, reduce en 60.000 euros a súa contribución para o mantemento dos contratos das traballadoras dos servizos sociais municipais.

 

Pilar López destacou que estas traballadoras realizan a tramitación de expedientes e as xestións necesarias en relación ás axudas básica e de dependencia, tendo elaborado 497 expedientes de dependencia dende o ano 2007.

 

A responsable da área de Benestar Social dixo que cada quen debía asumir o seu papel, e que mentres a Xunta recortaba o Alcalde traballaba para resolver o problema.

 

A tenente alcalde monfortina insistiu en que o debate era sobre a axuda a domicilio básica, a que reciben aquelas persoas non dependentes e que poden valerse por si mesmas en algunhas facetas da súa vida diaria, unha axuda da que a Xunta se retirou.

 

Mª Xosé Vega dixo que o Alcalde sempre falou da axuda básica, avalado por datos que demostran o que aporta cada quen, pero que a delegada vén a Monforte a falar da dependencia con ánimo de confundir e que ademais faino demaneira “torticera”. Raquel Arias vén a Monforte a mentir, dixo Vega Buján.

 

A delegada di que temos máis de mil horas de dependencia valeiras, dando a entender que o Concello non atende á xente e iso non é certo, comentou a tenente alcalde.

 

Segundo Mª Xosé Vega, os datos que ofrece a delegada teñen unha explicación. Dende o mes de febreiro a Xunta obriga ós concellos a instalar un sistema informático no que se reflicte o listado de usuarios/as e o número de horas de prestación recibidas. Nese listado aparecen 491 horas de prestación que non se facilitaron (o que multiplicado por tres meses vén dar a cifra que manexa a delegada), cifra que representaría o número de horas máximo que poden recibir cinco persoas nun trimestre. Vega Buján destaca que, se Raquel Arias collese os datos do último trimestre só aparecería 42 horas libres.

 

Vega Bujan atribúe o feito de que queden horas sen prestación de servizo a dous motivos principais: hai usuarios/as que cambian a solicitude do número de horas e hai outros ós que a Xunta non lles concede o tipo de asistencia que solicitan. Segundo comentou pode haber horas de servizo a disposición dos usuarios/as pero estes rexéitanas porque teñen solicitado, con informes favorables dos servizos sociais municipais, a atención por parte dun familiar e a Xunta négallo. A tenente alcalde sinalou que nestes momentos hai catro potenciais usuarios/as que solicitaron o coidado no entorno familiar e que renuncian á prestación porque a Xunta proponlle que os atenda persoal dunha empresa. Segundo comentou, tamén hai outro usuario que ten cheque asistencial e que a Xunta negouse a manterllo.

 

Mª Xosé Vega dixo que non se entendía que non atenderan as peticións da xente cando hai informes que as avalan.

 

Finalmente, a tenente alcalde retou á delegada a que dixera o que tarda a xente en coñecer a contestación da Xunta ás súas peticións de axuda á dependencia, poñendo o exemplo dunha persoa de Monforte que solicitou a valoración de dependencia en setembro do ano 2009. Comentou que a esta persoa demandáronlle documentación en agosto do ano 2011 (case dous anos despois), e volveron facelo en decembro do mesmo ano para, en abril do ano en curso, outorgarlle a axuda a domicilio cando pedira coidados de dependencia no entorno familiar.

 

Vega Buján dixo que “se hai horas libres é porque a Xunta dalle ós usuarios/as o que non queren”