O Alcalde reunirase con usuarios/as e traballadoras do servizo de axuda a domicilio

A decisión da Xunta de Galicia de suprimir a subvención para a axuda no fogar básica ou axuda a domicilio a aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes, xunto coas negativas consecuencias que esta medida causa, serán os asuntos que o Alcalde expoña ás persoas usuarias deste servizo e ás traballadoras dos servizos sociais municipais e axuda a domicilio.

 

A celebración destas reunións ou asembleas informativas coas persoas afectadas foi unha medida adoptada polos alcaldes de Chantada, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón e Monforte nunha xuntanza que mantiveron no mes de maio para analizar os prexuízos que lles causaba a decisión do goberno galego.

 

Severino Rodríguez reunirase este xoves día 5 de xullo, ás dez da mañá nas oficinas dos servizos sociais municipais, coas traballadoras sociais do Concello,  facendo o propio coas traballadoras da axuda a domicilio o luns día 9, ás oito do serán no salón de plenos da Casa do Concello.

 

Por outra banda, o Alcalde enviará unha carta ós/ás usuarios/as do servizo de axuda a domicilio convocándoos a eles e ós seus familiares a unha asemblea informativa que terá lugar o mércores día 11 de xullo, ás oito do serán, no salón de actos da Casa da Cultura.

 

Para Severino Rodríguez a actitude da Xunta neste ano 2012, suprimindo o diñeiro destinado á axuda a domicilio, significa “abandonar ós usuarios”, xa que eleva ó máximo nivel a política de redución de financiamento iniciada no ano 2011. O Alcalde manifesta que este recorte de prestacións supuxo a redución da achega nun 50 %  no ano 2011, “sen avisar e despois de ter feito o gasto, co conseguinte trastorno nas contas municipais”, a pesares do cal o Concello mantivo o servizo. 

 

O goberno de Monforte levou ó Pleno celebrado o día 4 de xuño unha proposta na que se realizaba un requirimento á Xunta de Galicia para que transferise ó Concello o diñeiro que non transferiu á Deputación e, ó mesmo tempo, para que a Corporación manifestase o seu apoio ó recurso que, sobre esta cuestión,  tiña presentado a Deputación diante da Xunta de Galicia. A día de hoxe, a Xunta de Galicia non contestou ó requirimento aprobado polo Pleno da Corporación monfortina.

 

A viabilidade do servizo de axuda a domicilio antóllase moi complicada se a Xunta de Galicia non transfire o diñeiro ós concellos ou, no caso de que desexe que a Deputación se encargue deste servizo, asigne a correspondente partida orzamentaria ó organismo provincial. O Alcalde dixo que, de continuar a falta de apoio económico por parte da Xunta de Galicia, “o Concello de Monforte non contaría con recursos para manter a contratación de catro persoas que traballan nos servizos sociais municipais e debería reducirse asemade a prestación da axuda a domicilio, coa conseguinte diminución das traballadoras que atenden este servizo”.

 

Dada a gravidade da situación, Severino Rodríguez anima ás persoas directamente afectadas por esta arbitraria decisión do Goberno galego, ós seus familiares, e á cidadanía en xeral, a acudir a asemblea que se celebrará na Casa da Cultura o mércores día 11 de xullo.