O subdelegado do goberno, Ramón Carballo, e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, presidiron a sesión ordinaria da Xunta Local de Seguridade que se celebrou hoxe martes día 26 de xuño na Casa do Concello de Monforte.
A esta sesión ordinaria tamén asistiron a concelleira de seguridade e representantes da garda civil, da unidade de tráfico, e dos corpos de policía nacional, autonómica e local.
A reunión celebrouse ás 13:00 horas e o obxectivo da mesma foi analizar a situación da seguridade cidadá.
Ó remate da reunión Ramón Carballo valorou positivamente a colaboración entre os diferentes corpos e a situación da seguridade en Monforte que está, segundo dixo “por baixo da media provincial e moi por baixo das medias autonómica e estatal”. O Subdelegado do Goberno tamén comentou que outro asunto tratado na reunión foi o do horario dalgúns locais nocturnos en determinadas zonas da cidade.
Segundo os datos relativos á delincuencia en Monforte no que vai de ano, rexístrase unha tendencia á baixa na comisión de delitos.
Os datos oficiais presentados no transcurso da Xunta Local de Seguridade salientan que nos cinco primeiros meses de 2012 denunciáronse en Monforte un total de 145 infraccións penais. Delas, 70 son delitos, o que supón un descenso do 9,09 % con respecto ó mesmo período do ano anterior.
As estatísticas reflicten unha baixada especialmente notable no caso dos roubos con violencia (que caeron un 80 %), dos delitos contra o patrimonio (un 15 %), e dos roubos con forza (un 8,33 %).
As forzas de seguridade lograron esclarecer o 50,36% das infraccións penais denunciadas no municipio no que vai de ano, unha porcentaxe que sobe ata o 55,84% no caso dos delitos. Os corpos policiais detiveron en Monforte a 48 persoas pola súa implicación en feitos delictivos.
Os membros da Xunta de Seguridade presentaron tamén os datos relativos ó conxunto de 2011, cando se denunciaron no municipio un total de 368 infraccións penais, das que 193 foron delitos.
O grao de esclarecemento acadou o ano pasado o 53,8% e o número de detidos por vérense implicados nalgún feito delictivo foi de 99.