A Mesa Local de Comercio debateu propostas do CCU

A Mesa Local de Comercio de Monforte celebrou esta mañá a primeira reunión, despois da preceptiva de constitución que tivo lugar o día 8 de xuño. A xuntanza de hoxe xa fora anunciada o día da constitución deste órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a administración local e os axentes representativos do sector comercial.

 

Á reunión desta mañá, na que exerceu como secretario o técnico municipal Alberto Pensado, asistiron os seguintes membros da Mesa:

 

                -Raquel Arias, Delegada da Xunta de Galicia

-Severino Rodríguez , Alcalde-Presidente do Concello

-Mª José Vega Buján, Concelleira de Promoción Económica

-Mª Pilar Iglesias Osorio, Presidenta da Asociación de Consumidores e Usuarios “En Marcha”

-Mª José Senra Sánchez, Presidenta do CCU de Monforte

 

Segundo estipula a Lei, a solicitude de axudas destinadas ó sector comercial que se fagan á Xunta de Galicia deberán ser informadas previamente pola Mesa Local de Comercio. Actualmente o goberno galego ten abertas dúas liñas de axudas que marcan o día 2 de xullo como data final de acceso, motivo polo que urxía celebrar a primeira convocatoria de reunión da Mesa Local de Comercio.

 

Polo tanto, a xuntanza da Mesa Local de Comercio estivo protagonizada polas solicitudes de subvención do CCU e polas actividades que esta asociación pretende organizar. O CCU solicitará á Xunta de Galicia unha subvención para manter o posto de xerente da organización, xunto con outra para poñer en marcha unha páxina web con outlet virtual e unha serie de campañas como a da “volta ó cole”, a campaña do “CCeurito”, e a campaña de apertura de establecementos os sábados do mes de setembro entre as 20:00 e as 24:00 horas. Tamén informaron sobre a realización da feira de mostras e do outlet, actividades que poñerán en marcha no campo de futbol e no claustro dos Escolapios, respectivamente, durante a semana das festas patronais.

 

A Mesa Local de Comercio volverá reunirse o vindeiro mes de xullo para analizar diversas propostas que planteará o Concello.