O Eixo Atlántico quere que Monforte sexa nó loxístico de mercadorías

Un grupo de expertos galegos e portugueses traballan na actualización do Mapa de Infraestruturas do Eixo Atlántico, Galicia Norte de Portugal, documento no que se refrenda o papel de Monforte como nó e plataforma loxística de mercadorías.

 

Na reunión que celebrou este martes en Barcelos a Comisión Executiva da entidade transfonteiriza, da que forma parte o Alcalde de Monforte, á súa vez Vicepresidente do Eixo Atlántico, xunto con outros once rexedores galegos e portugueses, Severino Rodríguez defendeu a necesidade de reforzar a Monforte como nó loxístico de mercadorías e porta de entrada e saída do transporte ferroviario coa meseta.

 

O Alcalde anunciou que a Comisión Executiva do Eixo se reunirá o 25 de setembro en Monforte para aprobar definitivamente o documento que recolle a proposta das infraestruturas viarias, portuarias e ferroviarias do ámbito do Eixo Atlántico, documento que deberá someterse á ratificación da Asemblea Xeral que se celebrará a fins do presente ano.

 

Na reunión de Monforte o Alcalde volverá sobre o posicionamento que adiantou este martes en Barcelos e que xa conta co respaldo dos membros da Comisión Executiva, situando a Monforte como nó de mercadorías do noroeste peninsular.

 

Severino Rodríguez convocou para hoxe xoves unha reunión do Consello Económico e Social, precisamente despois de que o Eixo celebrase a súa Comisión Executiva, coa intención de manter un debate centrado nas iniciativas que se deben tomar para consolidar a presenza de Monforte na Rede Transeuropea de Transportes.

 

A Unión Europea traballa sobre un borrador no que se inclúe a Monforte na citada rede pero, antes de que a UE tome unha decisión definitiva, o Alcalde considera conveniente adoptar unha serie de iniciativas que reforcen esta decisión, propostas encamiñadas a consolidar a posición de Monforte e que hoxe se tratarán na reunión do CES.

 

Severino Rodríguez quere recabar o apoio dos sectores económicos da cidade e do Pleno da Corporación mediante un acordo municipal, acordo que se trasladará ós plenos da Deputación Provincial de Lugo e do Parlamento de Galicia coa intención de obter o respaldo dos seus membros.

 

Segundo dixo o Alcalde, tanto o Presidente da Deputación como o Alcalde de Lugo manifestáronlle o seu total apoio, ó igual que fixera hai una datas o Conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestrtuturas, motivo polo que propoñerá ó Consello Económico e Social unha reunión entre os dous rexedores e os empresarios da capital provincial e da comarca de Lemos.

 

Coa intención de sumar os maiores apoios posibles, Severino Rodríguez márcase o obxectivo de lograr o apoio do Parlamento do Estado e de manter unha entrevista coa Ministra de Fomento para consolidar a posición de Monforte na Rede Básica de Transporte Ferroviario.

 

Os integrantes do CES tamén serán informados sobre as xestións que realizou o Alcalde para que as aspiracións de Monforte se planteen no Parlamento Europeo, así como para manter unha entrevista persoal co Comisario de Transportes da UE ou co Director Xeral das Redes Transeuropeas de Transportes.

 

Outra forma de reforzar o papel da nosa cidade nos proxectos da UE para o transporte de mercadorías será a celebración en Monforte dun Seminario sobre a Rede Transeuropea de Transportes, actividade que se desenvolverá en xullo ou setembro coa colaboración tanto do Eixo como da Unión Europea.

 

Severino Rodríguez leva meses mantendo contactos e celebrando reunións na procura de apoios que reforcen a Monforte como peza indiscutible dentro da rede de distribución de mercadorías da UE. O obxectivo, segundo comentou o rexedor, é lograr que Monforte permaneza na Rede Básica de Transporte Ferroviario, iniciativa que conta co financiamento da Unión Europea e que posibilitaría o desenvolvemento de proxectos vinculados ó transporte de mercadorías, “coa implicación dos gobernos central e autonómico e o diñeiro xa asignado por Europa”, sinalou o Alcalde.

 

Severino Rodríguez comentou que se trata “dunha axenda ambiciosa” pero que “o proxecto ben merece tódolos esforzos posibles”. O Alcalde tamén sinalou que, a pesares dos retrasos na súa execucion, a de Monforte “é a plataforma loxística mais avanzada das que hai proxectadas en Galicia”.