O Alcalde anunciou que o concello de Monforte presentou a súa candidatura para o concurso Escoba de Plata 2012, e que ten de prazo ata finais de mes para enviar a documentación necesaria para optar ó citado premio.
Trátase da décimo terceira edición do concurso “Escobas de Plata, Oro y Platino”, que leva celebrándose dende 1987 con carácter bianual, e que en España organiza ATEGRUS® (Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente), contandocoa colaboración da Feria Internacional del Urbanismo y del Medio Ambiente (TECMA 2012).
A primeira edición destes premios foi convocada pola Unión Europea dentro do Ano Europeo de Medio Ambiente, encargándose a organización en España a ATEGRUS®, membro nacional da Asociación Internacional de Residuos Sólidos (International Solid Waste Association, ISWA).
O obxectivo do certame é apoiar, premiar e difundir o bo facer no ámbito da xestión dos residuos e o aseo urbano, así como na elaboración de proxectos e o desenvolvemento de tecnoloxías que permitan unha xestión sustentable do medio ambiente.
Na súa intervención o Alcalde destacou que co novo sistema de recollida de lixo a cidade está máis limpa, a cidadanía desenvolve mellores prácticas medio ambientais e rexístrase unha redución na cantidade dos chamados residuos impropios, polo que o Concello paga menos a Sogama.
Severino Rodríguez agradeceu a colaboración da cidadanía e solicitou que se continúe no mesmo camiño xa que, segundo dixo, “o obxectivo final é ser un exemplo de cidade limpa”, algo para o que “dispoñemos do material e dos recursos humanos necesarios” destacou o rexedor.
O Alcalde dixo que estamos no bo camiño pero necesitamos mellorar, agradecendo o esforzo da cidadanía e recoñecendo que o cambio de costumes que supoón novo sistema precisa dun tempo de adaptación.
Como consecuencia das melloras rexistradas na limpeza da cidade e no tratamento dos residuos o Concello decidíu presentarse ó concurso da Escoba de Prata, tendo como obxectivo final, segundo comentou o rexedor, “recoñecer o esforzo da cidadanía e mostrar o que facemos ó resto do Estado, promocionando e difundindo a imaxe de Monforte como unha cidade limpa e atractiva”.
Optando a este premio Monforte estará presente, cun stand propio e durante catro días do mes de xuño (do 12 ó 15), na Feria Internacional del Urbanismo y del Medio Ambiente (TECMA 2012), con todo o que isto supón para a difusión da imaxe de Monforte como unha cidade respectuosa co medio ambiente.
A documentación que o Concello aportará a vindeira semana para participar no certame consistirá nunha memoria do que se facía e do que se fai en canto ó tratamento dos residuos e á limpeza urbana, acompañada dunha reportaxe fotográfica e dun vídeo onde se recollen diversos aspectos da limpeza e a recollida de lixo en lugares destacados da cidade.
O Alcalde comentou que, como complemento á presentación a este certame, o Concello convocará dous concursos. Un estará dirixido ós centros de ensino e consistirá na elaboración de maquetas dos monumentos da cidade con material reciclado. Outro premiará o barrio máis limpo, valorando os horarios nos que se deposita o lixo nos cubos e contenedores, como se verten os residuos, a recollida selectiva e os excrementos dos animais. O concurso dos barrios levarase a cabo durante todo o mes de maio e cada semana publicarase a puntuación dos tres primeiros clasificados segundo o criterio da empresa FCC e a delegación municipal de medio ambiente.
Tanto as maquetas como o nome e fotografías do barrio gañador expoñeranse no stand do Concello na Feria Internacional del Urbanismo y del Medio Ambiente (TECMA 2012) que se celebrará no recinto feiral de Madrid.