O grupo de goberno do concello de Monforte rexistrou, para ser debatida no próximo pleno, unha moción na que reclama a construción dunha nova depuradora de augas residuais (EDAR).
A exposición de motivos da citada proposta sinala que, como consecuencia do desenvolvemento urbano e do polígono industrial do Reboredo, a Estación Depuradora de Augas Residuais de Monforte de Lemos está no límite da súa capacidade de tratamento de augas negras.
Tamén se indica que as previsións de crecemento demográfico e as necesidades de novo solo industrial (infraestruturas do Porto Seco, do polígono do Reboredo, e futuro solo empresarial), subliñan a importancia estratéxica que ten para a expansión económica e urbana de Monforte poder contar cunha nova EDAR.
Á par das infraestruturas de comunicación e o desenvolvemento do Porto Seco, indica o grupo de goberno nesta moción, a dotación dunha nova Estación Depuradora é un investimento imprescindible para activar o desenvolvemento urbano e económico da cidade.
A proposta que o goberno lle plantexa ó Pleno da Corporación Municipal consiste na creación dunha comisión, con representación de tódolos grupos políticos, que traslade á Xunta de Galicia a urxente necesidade da construción dunha nova EDAR en Monforte de Lemos, así como o compromiso de financiamento da mesma por parte da Xunta de Galicia.