A Corporación Municipal celebrará o vindeiro luns, ás 20:00 h., un pleno urxente e extraordinario no que o único punto da orde do día será o expediente de depuración de saldos contables.
A concelleira de facenda, Mª Xosé Vega, explicou hoxe o motivo da urxencia desta sesión plenaria. A concelleira sinalou que o goberno central está preocupado polas finanzas dos concellos, motivo polo que lles solicitou datos sobre a súa situación económica, sobre os pagos e as débedas, a súa procedencia e o tempo que se tardan en pagar.
Mª Xosé Vega dixo que Monforte cumprirá o que pide Madrid e que o15 de marzo remitirá o listado dos provedores ós que se lles debe diñeiro ata finais do ano 2011. A concelleira sinalou que este é un documento que prepara a intervención municipal e que non ten que ser aprobado polo Pleno da Corporación, indicando que Monforte leva este asunto a Pleno porque existe unha realidade na contabilidade municipal que distorsiona a lista de gastos que se debe remitir a Madrid. Un volume moi considerable de gastos do pasado que non son verdade, segundo dixo a responsable da área de facenda, “erros que coñecemos dende hai tempo, pero que con ocasión de ter que mandar a lista a Madrid non se pode dilatar a súa depuración”.
Estes erros refírense a gastos que non se produciron por un monto de 1.256.000 euros, dos cales 1.128.000 corresponden ó período entre ós anos 1990/1999, e só 20.000 ó período onde iniciou as súas responsabilidades o goberno actual, 2003/2007. Mª Xosé Vega indicou que esta cifra é atribuíble a facturas duplicadas, ou con datos incorrectos que non foron solucionados polos provedores.
Outro problema da contabilidade é o que se refire ós dereitos de cobro pendentes que xa non se poden executar. En total son 4.521.467 euros pertencentes á década dos 90, entre 1990 e 1999, e que corresponden a taxas e impostos municipais, préstamos e subvencións.
A concelleira de facenda dixo que o Pleno da Corporación debe dar este diñeiro por perdido e aprobar a cifra de gasto que non se produciu, porque
son asuntos que xa prescribiron e o Pleno é o único órgano competente para facelo, previo informe da intervención municipal.
Mª Xosé Vega falou da responsabilidade dos gobernos nacionalistas e de que xa se tiñan depurado máis de un millón de euros con anterioridade. Dixo que había anos que estas cousas non sucedían na contabilidade municipal e que as persoas que nun futuro teñan responsabilidades de goberno “non terán que vivir con algo coma isto”.
A concelleira indicou que se traballaba para levar estes asuntos a Pleno proximamente, “algo que precipitou a solicitude do goberno central”.