TEATRO INFANTIL NO EDIFICIO MULTIUSOS /DOMINGO 13 DE OUTUBRO DE 2024 ÁS 18:00 H - ELEFANTE ELEGANTE presenta KYOKI

O domingo 13 de outubro ás 18:00 h e no Edificio Multiusos terá lugar a primeira cita co teatro para público infantil e familiar dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia en Monforte de Lemos.

A compañía ELEFANTE ELEGANTE presenta KYOKI, obra composta por María Torres e Gonçalo Guerreiro, dirixida por Gonçalo Guerreiro e coa interpretación de María Torres e Mario Rodriguez.

KYOKI vai destinado ao público infantil e familiar a partir dos 3 anos. A través dunha linguaxe xestual impulsada pola interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo evoca múltiples situacións e personaxes que dun xeito ou doutro todas as persoas podemos recoñecer. KYOKI significa “demencia” en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. É certo que adoita verificarse en persoas de idade avanzada, mais quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? Ou por distracción vestiu o xersei do revés? Ou saiu de casa atrasado para o cole sen peitear o cabelo?
KYOKI retrata un deses días catastróficos, máis é tamén unha homenaxe a todas as persoas maiores que asisten cada día ó proceso implacable do declinio das súas capacidades vitais.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para nenos, desempregados, xubilados e estudantes.