TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 21 DE NOVEMBRO DE 2024 -ARTEFEITO presenta SOÑOS

O xoves 21 de novembro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a cuarta das representacións para adultos que a Delegación de Cultura do Concello de Monforte programa no segundo semestre de 2024 na nosa cidade, dentro das actividades da Rede Galega de Teatro e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

A compañía ARTEFEITO presenta SOÑOS. Soños é a primeira obra teatral galega que trata a situación da mocidade tutelada dun xeito integral. Un espectáculo divertido, ameno e sorprendente, pero tamén cunha gran forza social. Unha ficción moi realista e con moito ritmo que nace do contacto directo do autor e directora con mocidade tutelada, levando as súas experiencias ao escenario. Soños é unha ventá a realidade da mocidade en risco de exclusión: amósanos o seu contexto, as súas aspiracións, os seus medos. Un espectáculo que vai chegar con moita facilidade ao corazón e á cabeza do público adulto e xuvenil.

Soños é unha peza dirixida por Támara Canosa, escrita por Fernando Epelde e representada por Victoria Pérez, Anxo Outumuro e Sara Ferro. Un gran equipo de profesionais para realizar a primeira obra que aborda a realidade da mocidade en risco de exclusión cunha posta en escena chamativa e un estilo cru e directo. A obra está creada pola unión de Artfeito con Igaxes, entidade especializada no traballo con menores en risco de exclusión, e con Culturactiva. A unión de forzas e de sinerxías de calidade está presente tamén detrás do telón para achegar unha peza única.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.