Exposición “La Edad de Oro de los Judíos de Alandalús” Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 5 ó 28 de marzo de 2025

"La Edad de Oro de los Judíos de Alandalús” exposición organizada polo Concello de Monforte como membro da "Red de Juderías de España" 

Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 5 ó 31 de marzo de 2025.

A mostra abre as portas da vida cotiá dos xudeus de Al-Andalus, nunha das súas épocas de maior esplendor. A comunidade xudía de Al-Andalus foi unha das máis prósperas de todas as que habitaron na Península Ibérica durante a Idade Media. Nomes de diplomáticos como Ibn Shaprut, poetas como Ibn Gabirol ou Judá Haleví, ou pensadores como Maimónides aínda resoan no imaxinario colectivo, ademais de ser figuras moi relevantes e presentes no mundo xudeu contemporáneo. Este esplendor cultural estivo sempre ligado á bonanza económica derivada das redes comerciais mediterráneas consolidadas pola dinastía omeya durante o seu reinado de case tres séculos en Córdoba e explotadas polas taifas e os soberanos almorávides e almohades que gobernaron Al-Andalus. 

Na Guenizá de El Cairo -un habitáculo que teñen as sinagogas e os cemiterios xudeus para conservar documentos de carácter sagrado que quedaron inservibles- acumuláronse durante case un milenio arredor de douscentos mil documentos que quedaron obsoletos ata o seu descubrimento polos exploradores europeos no século XIX. Non son só textos sagrados, senón de todo tipo: ciencia, poesía, transaccións, amuletos, receitas médicas, cartas persoais... y un sen fin de documentos que nos mostran como era a vida cotiá medieval no Mediterráneo en primeira persoa. A exposición «La Edad de Oro de los judíos Alandalús» analiza este contido e achega a historia dunha das épocas de maior esplendor do mundo xudeu na península ó público a través de imaxes, recreacións, facsímiles e un percorrido narrativo co que o visitante poderá viaxar no tempo.

A situación xeográfica de Exipto, ponte natural entre o Oriente e o Occidente islámico, facilitou que moitos destes documentos fosen de orixe andalusí. Esta mostra, comisariada polo catedrático da Universidade de Granada José Martínez Delgado, ofrécenos os testemuños auténticos da época, o que permite achegarse a súa forma de vida, as súas inquedanzas, necesidades, habilidades e problemas. Unha viaxe dende as orixes desta importante comunidade ata o seu éxodo e extinción no século XII.

A mostra está organizada polo Centro Sefarad-Israel, coa colaboración da Casa do Mediterráneo, o Miller Center for Contemporary Judaic Studies e The George Feldenkers Program in Judaic Studies da Universidade de Miami, a Red de Juderías de España, o World Jewish Congress e a Fundación Hispano Judía. Conta ademais con apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, a Comunidade de Madrid, o Concello de Madrid, ElAl, Instituto Cervantes, a Universidade de Cambridge, a Universidade de Granada, o Trinity College de Dublín e o European Research Council.