O domingo 1 de decembro ás 18:00 h e no Edificio Multiusos terá lugar a terceira cita co teatro para público infantil e familiar dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia en Monforte de Lemos.
A compañía PÉREZ&FERNÁNDEZ presenta NANAI DA CHINA, obra dirixida a un púbico infantil de máis de 5 anos, composta por Victoria Pérez, e Xabier Romero, dirixida por Victoria Pérez e coa interpretación de Victoria Pérez e Manu Fernández.
Nanai da China é unha nena que naceu unha noite sen lúa. Os seus veciños rexéitana dende que nace, por pura superstición. Ela só sabe dicir que non, e axudar ao seu avó a cultivar o arroz máis delicioso desta beira do Yangtsé en compañía de Chispúm, un simpático búfalo de auga. Para loitar contra a estúpida superstición da xente, Nanai e o seu avó elaboran un plan que⋯ non sae todo o tempo tan ben como debería⋯
Nanai da China é un espectáculo de teatro para público familiar onde os títeres e os actores se fusionan para representar este conto orixinal cheo de maxia, aventuras, e humor. A peza gañou o Premio María Casares 2024 na categoría de monicreques.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para nenos, desempregados, xubilados e estudantes.