O xoves 25 de outubro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios no segundo semestre de 2018 en Monforte de Lemos.
A compañía TALÍA TEATRO presenta "O SERVIDOR DE DOUS AMOS" obra composta por Carlo Goldoni, dirixida por Artur Trillo e Diego Rey e cun elenco artístico formado por Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo.
Talía teatro presenta unha revisión do clásico "O servidor de dous amos", un dos textos inmortais da historia do teatro. Convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte, atoparedes aquí unha reinvención da obra de Goldoni que respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, pero que busca tamén incorporar novas formas de teatralidade.
Así como a Commedia dell’Arte creaba unha paisaxe cómica e irreverente da sociedade italiana do momento, esta versión trata de construír un xoguete escénico onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son substituídos por empresarios e políticos, onde a vida mesma da nosa sociedade é retratada con irreverencia e descaro, buscando un espectáculo trepidante e deslinguado, tan mordaz como divertido.
Oito intérpretes desenvolverán en escena un espectáculo de gran formato onde todo será posible, onde a mentira e a confusión serán a base do xogo, onde os distintos espazos mudarán á vista do espectador, onde riremos de todo e de todos, ata de nós mesmos.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.